O pleno de Vigo rexeita crear un plan de protección do arboledo proposto por Marea

VIGO CIDADE

XOAN CARLOS GIL

A moción contou co apoio do resto da oposición, pero o PSOE votou en contra

27 ene 2021 . Actualizado ás 20:40 h.

Marea de Vigo non logrou esta mañá o apoio da maioría da corporación para aprobar un plan director co fin de protexer o arboledo existente na cidade. A concelleira Oriana Méndez foi a encargada de defender a proposta, que contou co apoio do resto da oposición, mentres que o grupo municipal do PSOE votou en contra. A petición de Marea consistía na creación do devandito plan e velar pola saúde integral das árbores, tendo en conta as especifidades e necesidades de cada especie. Tamén requirían manter actualizado o inventario municipal e a planificación dun aumento da masa arbórea na cidade e dos corredores verdes. Marea tamén demandaba na súa proposta a creación dun plan de protección do patrimonio histórico do Castro como espazo verde destinado a peóns e ciclistas. Para rematar tamén reclamaban a concreción dun plan de infraestruturas verdes e de biodiversidade que permita unha planificación global para a protección e potenciación do patrimonio natural e a biodiversidade de Vigo.

O obxectivo da proposta é evitar tallas innecesarias e evitar polémicas a raíz do corte de árbores urbanas como os que se produciron na Gran Vía, en Ronda de Don Bosco, na Avenida de Castelao, Martínez Garrido, ao redor da muralla do Castro, os xardíns das Avenidas, Bouzas, o paseo de Lagares ou o paseo da Guía. Trátase de actuacións que foron cuestionadas desde distintos sectores sociais, ecoloxistas e políticas. "So atoparon respostas despóticas que censuraron a oposición", criticou a concelleira Oriana Méndez durante o pleno. 

O concelleiro de Parques e Xardíns, Anxo Rivas, destacou o labor do goberno de Abel Caballero para mellorar o arboledo da cidade, desde o tratamento á elección de especies. Afirmou que en 2007 recibiron unha herdanza moi deficiente, sen planificación nin criterio, nin árbores adecuadas a cada lugar. Considera que hoxe en día todo iso cambiou e que hai criterio e planificación, con especies para cada un dos lugares, con máis de 6.000 novas árbores nas novas rúas humanizadas. "As árbores son seres vivos e como nós teñen un principio e un fin. Teñen un fin por motivos de seguridade, caducidade ou idade. Desde o noso goberno empezamos a considerar estas cousas", destacou durante a sesión.