Unha obra millonaria para colgar pancartas e protexer da choiva aos clientes dos pubs

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

ANGEL CHAIROS

En xaneiro de 1975 era aprobado o proxecto de entrada en Vigo da autoestrada, pero o scalextric nunca chegou a utilizarse

18 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

En xaneiro de 1975, o Ministerio de Obras Públicas aprobaba o proxecto de entrada a Vigo da Autoestrada do Atlántico, denominación entón da AP-9. Contemplaba aquela aprobación a expropiación de 539 propiedades de distintos tipo situadas entre Chapela e a rúa Alfonso XIII. Habíaas de particulares, como os herdeiros de García Barbón, pero tamén de organismos públicos, como o Concello de Vigo ou Renfe. Con todo, pasará á historia este tramo pola solución adoptada polos enxeñeiros, dez anos antes, para acceder ao centro da cidade.

O enxeño popular denominou como scaléxtric o paso aéreo situado sobre a rúa Lepanto que daba acceso á Gran Vía. Foi unha obra millonaria que xamais foi empregada para o uso proxectado. Si serviu como acubillo contra a choiva aos cliente dos bares nocturnos da rúa durante os primeiros anos oitenta, e tamén para colocar as grandes pancartas que aderezaban as multitudinarias manifestacións dos efervescentes anos finais da década dos setenta.

Aquel proxecto estatal contou nos seus primeiros momentos co respaldo do Concello de Vigo, a través do alcalde Joaquín García Picher. Antes do falecemento de Franco, a censura actuou con prontitude ante calquera indicio de oposición, e é difícil atopar nos xornais da época referencias explícitas á oposición veciñal. O 25 de maio de 1975, La Voz de Galicia coaba unha daquelas referencias. Os bombeiros da cidade era requiridos polo alcalde para retirar da rúa Lepanto unhas pancartas contrarias ao proxecto.

Xusto tres días despois da morte do ditador, o alcalde García Picher comezou a recibir anónimos nos que se lle ameazaba de morte; mesmo, unha das súas fillas recibiu unha chamada telefónica co mesmo mensaxe. Os veciños opositores ao proxecto reaccionaron rápido, condenando publicamente aquela acción.

As protestas comezaron a levar á rúa, e o 26 de abril de 1976, a Policía Armada, popularmente coñecida como os grises, disolvía unha manifestación dunhas trescentas persoas que berraban contra o scaléxtric e o alcalde. A vía administrativa tamén lle foi pechada aos veciños cando o Ministerio de Obras Públicas desestima unha recurso. A comezos de 1977 xa era visible o paso.

A gran manifestación contra este elemento discordante produciuse en xullo de 1978, cando se reuniron mil persoas no lugar; esta vez con autorización gobernativa.

Tras as primeiras eleccións democráticas, a corporación dirixida por Manuel Soto sumouse á oposición veciñal, e cando se abriu a autoestrada entre Pontevedra e Vigo, o 7 de febreiro de 1981, o scaléxtric non foi utilizado como vía de entrada na cidade.

Desde UCD, o partido centrista de Adolfo Suárez, propúxose a posibilidade de colocar unha pantallas laterais para minimizar o ruído dos coches e dar intimidade ás vivendas, pero tampouco foi aceptado por ninguén o remedio.

A solución definitiva executouse o 24 de maio de 1986. O ministro de Obras Públicas Javier Sáenz de Cosculluela e o alcalde Manuel Soto ofrecían a dúo un concerto de martelo eléctrico ante a alegría xeneralizada dos veciños. Pechábase así un longo período de tensións xeradas ao redor dunha obra que custou moitos millóns de pesetas, pero que xamais foi empregado para outra cousa que para colocar pancartas e protexer da choiva aos clientes dos pubs da rúa Lepanto.