Vigo volve a valores altos de contaxio tras deixar de facer o cribado masivo

VIGO CIDADE

Óscar Vázquez

A área sanitaria rexistrou nas últimas horas 246 novos casos, mentres que os dous días anteriores non chegou aos 50 ao día

25 novs 2020 . Actualizado ás 10:36 h.

Finalmente si houbo efecto cribado, posibilidade que xa apuntaba onte La Voz de Galicia. As probas masivas en busca de asintomáticos que se realizaron a pasada fin de semana si influíron na caída dos valores achegados polo Sergas o luns e o martes. Eses días, o groso das pcr efectuadas realizouse entre poboación que non presentaba síntomas da enfermidade polo que era bastante improbable que se descubrisen novos casos. Así, o luns e o martes reportáronse 42 e 43 casos novos respectivamente. Hai que ter en conta que o Sergas fai os seus recontos entre as 18.00 horas de dous días seguidos. Pero, o último parte xa estaba libre deste efecto provocado polo rastreo masivo na poboación, e guinda unha cifra de 246 novos contaxiados, a segunda cifra máis alta de todo o mes de novembro.

A boa noticia é que non experimentou un aumento o número de persoas hospitalizadas. Hai 78 nas plantas do Cunqueiro Povisa e Vithas Fátima, e 22 nas uci destes mesmos hospitais. Si subiu o número de casos activos da enfermidade covid-19, ao pasar de 2.209 a 2.293 enfermos. Coas dúas persoas falecidas onte no Álvaro Cunqueiro xa se eleva a 206 o número de mortos ocasionados pola pandemia na área viguesa.

Se atendemos ás cifras que ofrece o Sergas en canto ao número de novos casos acumulados durante 14 días en cada un dos municipios, pódese ver que Vigo baixa ata situarse nos 1.000, e acompáñanlle nese descenso Soutomaior, Pazos de Borbén, Baiona, Oia, Salceda de Caselas, A Cañiza e Mondariz. Pola contra, o número de contagios acumulado nos últimos 14 días marca un ascenso en Moaña , Cangas, Redondela, Tui e, especialmente, en Gondomar .