Vigo non rexistraba máis de cen contagios de covid nun só día desde marzo

Begoña Rodríguez Sotelino
b. r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

M.Moralejo

Cangas entra en alerta vermella, con máis de 21 casos novos nos últimos 7 días

19 oct 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A expansión do coronavirus na área sanitaria de Vigo segue nunha preocupante escalada acelerada. Os últimos datos dispoñibles indican que o sábado se detectaron 101 casos novos conformados por PCR nas últimas 24 horas, segundo os últimos datos oficiais do Sergas, actualizados ás 18.00 horas do 17 de outubro e facilitados onte. Esa cifra, os 101 contagios nun día, supoñen unha triste marca xa que é a primeira vez que hai máis dun centenar desde marzo. A área sanitaria de Vigo é a de Galicia na que se detectaron máis casos novos nas últimas 24 horas, máis mesmo que en Ourense. Desta forma supéranse os 700 casos de persoas coa enfermidade activa neste momento. Son tres centenares máis que a semana pasada. O venres, 16, detectáronse 71 casos novos. O día anterior foran 72. Son 143 en só dous días na mesma área de poboación que hai dúas semanas rexistrara 124 contagios en sete días.

Respecto dos datos por concellos, Vigo segue en alerta laranxa (entre 166 e 332 casos novos en sete días) e Cangas entra en alerta vermella ao rexistrarse máis de 21 casos novos nos últimos sete días. O municipio do Morrazo estaba antonte en laranxa con Vigo, Tomiño e Nigrán (incorporouse), mentres que Redondela, O Porriño, Gondomar, Salceda e Mos seguen en alerta amarela.

Aínda que o Sergas non fai públicos os datos reais de contagios por municipios, si divulga un mapa de cores que indica se a incidencia nos últimos sete días é alta, media, baixa ou nula. En canto ás hospitalizacións, hai 27 novas hoxe.

A área sanitaria de Vigo comezan a facerse hoxe, luns, as probas de cribado a 3.500 traballadores de 71 residencias da terceira idade e centros sociosanitarios da área de Vigo para garantir que non están contaxiados, segundo informou onte o Sergas. Farase no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, situado no Cunqueiro, que desenvolve a técnica coñecida como pooling, que consiste en agrupar mostras de saliva de 20 en 20 e analizalas todas á vez. As probas repetiranse cada quince días. En total en área de Vigo leva rexistrados 4.207 casos de coronavirus.

Vixilancia nun Casco Vello abarrotado

A Policía Local recibiu numerosas chamadas a noite do sábado, de cidadáns que se puxeron en contacto coas forzas da orde para alertar da presenza dunha gran cantidade de cidadáns nas terrazas do Casco Vello vigués, sobre todo na praza da Constitución. Os comunicantes alertaban sobre o incumprimento da distancia de seguridade e do uso de máscaras. Aínda que os axentes non interviñeron nin houbo denuncias, si acudiron á zona para comprobar a situación. A local si interveu esa madrugada noite en máis de media ducia de pisos nos que se estaban celebrando festas e disolveu dous botellóns, un na praza de Portugal e outro na rúa Sampaio.