101 contagios de covid nun día na área de Vigo, primeira vez que hai máis dun centenar desde marzo

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

M.MORALEJO

A cidade, onde se detectaron máis casos novos nas últimas 24 horas, segue en alerta laranxa aínda que se superan os 700 casos de persoas coa enfermidade activa

18 oct 2020 . Actualizado ás 13:39 h.

A expansión do coronavirus na área sanitaria de Vigo segue nunha preocupante escalada acelerada. Os últimos datos dispoñibles indican que onte, sábado, detectáronse 101 casos novos conformados por PCR nas últimas 24 horas, segundo datos oficiais do Sergas actualizados ás 18.00 horas do 17 de outubro. Esa cifra, os 101 contagios nun día, supoñen unha triste marca xa que é a primeira vez que hai máis dun centenar desde marzo. A área sanitaria de Vigo é a de Galicia na que se detectaron máis casos novos nas últimas 24 horas, máis mesmo que en Ourense.  Desta forma supéranse os 700 casos de persoas coa enfermidade activa neste momento. Son tres centenares máis que a semana pasada. O venres, 16, detectáronse 71 casos novos. O día anterior foran 72. Son 143 en só dous días na mesma área de poboación que hai dúas semanas rexistrara 124 contagios en sete días.

Respecto dos datos por concellos, Vigo segue en alerta laranxa (entre 166 e 332 casos novos en sete días) e Cangas entra en alerta vermella ao rexistrarse máis de 21 casos novos nos últimos sete días. O municipio do Morrazo estaba antonte en laranxa con Vigo, Tomiño e Nigrán (incorporouse), mentres que Redondela, O Porriño, Gondomar, Salceda e Mos seguen en alerta amarela. Aínda que o Sergas non fai públicos os datos reais de contagios por municipios, si divulga un mapa de cores que indica se a incidencia nos últimos sete días é alta, media, baixa ou nula. En canto ás hospitalizacións, hai 27 novas hoxe.