Descubrir novas artistas ten premio

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

Edward Morgan

O debuxante Davida crea unha ruta para atopar 21 autoras explorando Vigo

13 oct 2020 . Actualizado ás 22:39 h.

O debuxante David Amoedo (Vigo, 1984), que asina as súas obras como Davida, fixo hai dous anos para o certame Festival Nun Local un mapa ilustrado con anacos esparexidos pola cidade que o espectador tiña que compor unindo as pezas que debuxara sobre papel e logo pegado en paredes e muros. Cada protagonista era algunha das 30 participantes na edición do 2018 dun evento que ideou no 2014 o polifacético, fotógrafo e creativo hostaleiro Edi Morgan. Podería dicirse que o festival morreu de éxito, pero máis ben o propio Morgan matouno porque ao crecer, empezou a perder a esencia coa que fora creado.

Así, a última edición de Festival nun Local celebrouse o ano pasado, pero deixou un ronsel que agora recolle Davida dando de novo voz e visibilidade ás artistas que formaron parte do último cartel baixo o nome: A Ruta dás Artistas.

Edward Morgan

A visión de Davida das 21 creadoras (músicas, poetas, actrices, etcétera), repártese, a razón dun mínimo de tres ou catro por semana, en seis barrios. Algunhas no exterior, e outras, como novidade nesta edición que non sabe se será de despedida ou un novo comezo, enmarcadas dentro de bares, tendas e outros locais do pequeno comercio.

Edward Morgan

Como explica, esta modalidade interior fará que duren máis, xa que a intemperie fai que as obras temporais sexan máis efémeras do desexado, e por outra banda, «fomentamos que a xente se anime a entrar nos locais nun momento especialmente duro para o comercio e a hostalería», di en referencia ao covid-19. Comezou no barrio de Casabranca e esta semana tócalle ao Casco Vello.

Ademais da curiosidade, do reto que propón o xogo e de que é unha forma de redescubrir a artistas e de paso, os barrios de Vigo, hai premios. Os primeiros en atopar e fotografar todas as obras recibirán unha copia asinada por Davida do seu libro Artistas, que engloba todo este proxecto. Os que o fagan dun só barrio entran nun sorteo doutro exemplar, e quen faga fotos de calquera das obras entra nun sorteo das láminas que integran o libro.

Edward Morgan