Vontade de ferro, pernas de puro sangue

Xosé R. Castro FONDO NORTE

VIGO CIDADE

M.MORALEJO

30 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Un atropelo do camión do Concello de Vigo cando adestraba en Castrelos ás portas dos Xogos Olímpicos de Sídney; a morte súbita do seu inseparable amigo, o maratoniano Diego García; os avatares da vida.... Alejandro Gómez superouno todo e agora enfróntase a un cancro inoperable con enteireza. Coidando o seu físico e a súa mente e mantendo todo aquilo que lle fai feliz. Especialmente o seu contacto coas súas xogadoras do fútbol feminino.

É o resumo dun loitador, dun puro sangue que da man de Julio Rodríguez, o seu adestrador de case toda a vida, levou ao atletismo galego aos máis altos rexistros. Un atleta dunha calidade exquisita, nado para correr e cunha vontade de ferro que lle fixo superar obstáculos inimaxinables no século XXI.

Aínda que el non o recoñeza, o Galgo de Zamáns é un referente para o atletismo galego, lenda viva en compaña de Julia Vaqueiro dunha época onde un cidadán do último país verde de Europa podía mirar aos ollos e relacionarse coa armada africana. Na pista, no asfalto e no cros.

Porque Alejandro é o paradigma dun deportistas dunha disciplina agonística. Sempre ao límite, espremendo a última gota de forza, de suor e de vida.

Desde que lle diagnosticaron o tumor cerebral inoperable, o atleta vigués deu mostras do seu espírito desde o primeiro día. Para asumir a enfermidade, para aplicarse no tratamento e para vivir intensamente cada minuto da súa existencia. Rodeado de Paula, a súa esposa á carreira (casaron tras coñecer o diagnóstico), e dos seus cans. Uns cantos máis dunha familia que se expande por toda a Galicia atlética.