Un raio deixa a medio Vigo sen luz durante cinco horas

La Voz

VIGO CIDADE

Xoán Carlos Gil

HEMEROTECA | O incidente ocorreu en xaneiro de 1998

28 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Dúas avarías deixaron na tarde-noite do 28 de xaneiro de 1998 sen subministración eléctrica a boa parte de Vigo. Ás 17.20 horas, un raio queimou un transformador na rúa Tranviarios e, case ao mesmo tempo, produciuse un corte no cable subterráneo que conectaba Balaídos con Castrelos.

O apagamento durou ao redor de cinco horas, aínda que os operarios da compaña Unión Fenosa lograron restablecer a situación nalgúns puntos con anterioridade.

O corte de luz afectou tamén á rede de semáforos, o que deu lugar a importantes atascos nas prazas de América e Industria, así como en toda a súa contorna. As chamadas de queixa á compaña eléctrica foron constantes e moitos bares da zona tiveron que recorrer ás velas para manterse abertos.

O apagamento coincidiu coa retransmisión por televisión do partido que a selección española xogaba en Francia o que provocou fortes protestas desde o sector da hostalería da cidade.