O Marco guinda unha mirada inédita e contemporánea á obra de Colmeiro

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

Óscar Vázquez

O museo vigués estrea a programación cun repaso baseado na investigación

13 abr 2020 . Actualizado ás 17:41 h.

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Marco, arrinca a programación do 2020 botando a vista atrás, en concreto, ao século XX que o lonxevo Manuel Colmeiro (Silleda, 1901-Salvaterra de Miño, 1999) cubriu case por completo saltando de etapa en etapa, percorrendo diversos estilos artísticos cuxa ponderación a día de hoxe aínda non rematou. Un novo intento diso é o que abordou o comisario, Carlos L. Bernárdez, na mostra Espazos e encadramentos, que onte abriu as súas portas na primeira planta do museo vigués. O seu director, Miguel Fernández Cid, aproveitou para xustificar o novo xiro do centro de arte municipal, que «pode ser un espazo tamén para facer relecturas da obra dos grandes e sin duda, Colmeiro o é e non nos equivoquemos, non só da pintura galega, é moito máis que iso. Esta exposición dá unha serie de claves para que se poidan facer outro tipo de proxectos».

A exposición pretende que o espectador descubra baixo outra mirada, a obra dun autor, que, como apuntou na presentación o propio alcalde de Vigo, Abel Caballero, «aínda non é suficientemente recoñecido fóra de Galicia». A mostra componse de preto dun centenar de obras configuradas a partir dunha coidada investigación que incide nunha visión máis contemporánea que historicista, que fai especial fincapé na implicación do artista nos debates ao redor da figuración na Europa e América dos anos 20 e 30, os debuxos de guerra e outros momentos menos coñecidos do seu traballo.

Aínda que algunhas das obras levan décadas ao alcance do público en Vigo (no Museo de Castrelos e posteriormente na Pinacoteca Fernández del Riego, que alberga unha mostra permanente), a maior parte non se viron, xa que o groso da exhibición nútrese de pezas de coleccións privadas (institucións, particulares e profesionais como o galerista Montenegro) e traballos que estaban en mans dos seus herdeiros, pero que agora xestiona o Concello grazas á firma dun comodato, acordo mediante o cal cederon o seu legado por un tempo indefinido. En representación da familia acudiu á inauguración Alba Corral , neta do artista afincado en Vigo, que tivo tres fillos: Albino, Alba e Elena.

«O 75 % do que se mostra non estaba a disposición do público»

O comisario da mostra que se poderá ver ata o 24 de maio é Xosé Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958), profesor de Lingua e Literatura Galega ata o 2018 e licenciado en Xeografía e Historia, especialista en Historia da arte.

-Que achega a exposición aos colmeiros que xa había en Vigo?

-Sobre todo, o feito de que achega ao espectador unha lectura de ámbitos que non estaban moi presentes, ou polo menos non resaltados. É fundamentalmente un traballo de investigación. A idea era encadrar a obra onde el tivo unha proxección. Ademais hai obras que non estaban a disposición de público. O 75 % do que se mostra non o estaba.

-Parte delas son as que están na Pinacoteca?

-Usamos unha pequena parte, as obras concretas que interesaban para este discurso expositivo. Unha pequena parte das que están agora no Marco volverán alí, unhas quince.

-É un paso máis para que a súa obra se valore como se merece?

-Si. A proxección do seu traballo está consolidada, sobre todo en Galicia e Arxentina. Agora hai que dar ese paso adiante para que teña relevancia noutros ámbitos. É certo que non é un artista tan recoñecido como debería, pero algúns dos debuxos que se expoñen, por exemplo os do taller de arte mural, estiveron no Reina Sofía.

-Por que a mostra inclúe obra doutros autores?

-Para destacar a súa contribución ao movemento renovador. Comparámola coa de Maside, Souto, Torres, Laxeiro, Virxilio Blanco e con outros contextos diverxentes da modernidade.