Como moverse por Vigo con nenos? Viaxar por terra, mar e aire de forma doado (e a poder ser gratis)

L.Míguez VIGO

VIGO CIDADE

M.Moralejo

Na maioría de transportes públicos os menores de catro anos afórranse o billete

20 novs 2019 . Actualizado ás 12:27 h.

Vigo e as costas. Soa difícil? Pois nada mellor que acompañar o reto dun carriño de bebé. Moverse cun neno ou a súa cadeira pola cidade non é sinxelo, (e iso sen contar o momento slalon entre as terrazas das cafeterías) por iso contámosche como podes facelo de forma cómoda e práctica e, a poder ser, gratis. 

Moverse en coche particular é unha das opcioens básicas, coa correspondente cadeira de retención infantil colocada. Aínda que para iso non fai falta indicacións, pasámosvos unha listaxe dos aparcadoiros da web Turismo de Vigo, para que poidades estacionar o máis preto posible do voso destino.

E se decantádesvos polo transporte público, por aforrar emisións, voltas para aparcar e diñeiro, aquí contámosvos as alternativas para moverse por Vigo con nenos e viaxar sen sustos. 

Autobús urbano

M.Moralejo

Os Vitrasa son unha alternativa habitual para moverse pola cidade. Podes consultar todas as liñas e facer unha simulación de viaxe (para coñecer tempos e percorrido) na web da compaña. Se o neno vai fóra do carriño, hai que entrar con el encartado. Unha vez dentro é necesario colocarse na plataforma central, na zona reservadas a cadeiras de rodas, co carriño en sentido contrario á marcha e o neno ben suxeito. Pero coidado, non sempre poderás subir no bus que che vaia ben. Por seguridade só poden viaxar dous coches de bebé ou cadeiras de rodas, que teñen preferencia, e sempre que haxa espazo suficiente. Os menores de catro anos non pagan billete. 

Bús turístico

M.MORALEJO

O bus turístico é unha forma cómoda e sinxela de viaxar con nenos e coñecer a cidade sen ter que dar moitas camiñadas. No inverno está dispoñible coincididendo coas datas de visitas dos cruceiros. Pódese confirmar se hai rutas na oficina de turísmo do Concello, na web ou no teléfono 986224 757. No verán, as rutas arrincan o 1 de xuño e finalizan o 30 de setembro e sae dúas veces pola mañá e outras dúas pola tarde. Os billetes pódense adquirir no propio bus e están incluídas as subidas e baixadas que se desexen durante todo o día. Os adultos pagan 7,50, os nenos de 5 a 14 anos 4 euros e os menores de 5 sen ocupar asento poden viaxar no bus turístico gratis. 

Barcos

XOAN CARLOS GIL

Para viaxar en barco con nenos é necesario comprar o billete na estación marítima, xa que aínda que os pequenos menores de 4 anos non pagan si deben portar un ticket para acceder ao barco. Nos de transporte de ría cara a Cangas ou Moaña adoita haber espazo para deixar as sillitas e o persoal a bordo colabora encantado cos labores de entrar e saír do barco. Desde Vigo pódese ir en barco tamén ás famosas illas Cíes ou ás de Ons, entre outros destinos. 

Renfe

Óscar Vázquez

Se tes pensado moverche en tren con nenos vaiche interesar o programa Atendo, que podes reservar na súa web ao comprar o billete e implicase que unha persoa che agardará na estación de saída e a de chegada para axudarche co carriño do teu bebé. Os menores de catro anos que non ocupan asento non teñen que pagar, os que teñen entre 4 e 13 anos contan cun 40% de desconto. Ademais, as familias numerosas tamén teñen unha rebaixa e se colles o billete de ida e volta xuntos podes tamén notar unha baixada no billete. 

Taxi

Segundo as normas de tráfico, para desprazamentos urbanos en taxis non é necesario levar un SRI (Sistema de Retención Infantil). Así que os pais poden chamar ao servizo para moverse por Vigo sen problema e sen pagar extra por gardar a cadeira de paseo no maleteiro. No caso de desprazamentos fóra da cidade, como o aeroporto ou os concellos da área, os taxistas teñen elevadores e cadeiras adaptadas a todos os grupos de idade. «Hai moitos condutores con fillos que teñen e na central hai varias para compartir, claro que estes servizos hai que avisalos con tempo para poder recoller a cadeira e logo ao cliente», explica Manuel Chorén, da cooperativa de taxis (986 470 000). Na chamada de reserva hai que especificar a idade do pequeno,  o punto de recollida e a hora. Non se cobra como un servizo extraordinario. 

Aeroporto de Peinador

No caso de viaxar polo aire con nenos desde Vigo, é necesario contactar coas compañas aéreas pertinentes para coñecer as limitacións de equipaxe ou as necesidades dos menores. Aena ten unhas normas xenéricas para viaxar con bebés, que restrigen a idade e inclúen algunhas recomendacións. En concreto no caso de Peinador hai que ter en conta a vantaxe de que abriron dous parques infantís nas zonas de embarque do aeroporto, un na planta baixa e outro na primeira planta. Os espazos están destinados aos menores de cinco anos e terán tamén tronas infantís e microondas para que os pais poidan quentar a comida.