A tolemia por Brownie tamén chega a Vigo

Begoña Rodríguez Sotelino
B. R. Sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

Óscar Vázquez

Os venres pola tarde as adolescentes van á tenda de Príncipe a facerse fotos na esquina onde pon «Hello Vigo»

16 novs 2019 . Actualizado ás 22:01 h.

Brownie, a marca de moda que volve tolas ás adolescentes, é tamén un fenómeno en Vigo. Tras a súa apertura na Coruña o ano pasado, a firma abriu en abril deste ano a súa segunda tenda en Galicia, na rúa do Príncipe, e a súa presenza non pasou desapercibida. O espírito xuvenil da empresa trasládase tamén ás súas empregadas. Laura Natividade é, con 26 anos, a encargada da de Vigo e transmite un entusiasmo contaxioso.

Os venres pola tarde a tenda transfórmase nunha especie de centro social. «Ao saír de clase veñen xuntas mozas entre 14 a 16 anos, ás veces grupos de amigos tamén, a probarse roupa, facerse fotos nos probadores e se hai sorte, ao día seguinte regresan co papá, coa mamá ou a avoa. Ou veñen as nais soas outro día coas fotos a ver o que lles pediron», revela. Se as raparigas enchen as súas stories de Instagram cos modelos Brownie só as nenas e os seus seguidores poden sabelo. O que si sabe a encargada da tenda de Vigo é que lles encanta facerse fotos nun recuncho onde teñen un banco cuns coxíns e o lema: «Hello Vigo! escrito na parede.

A clientela tamén perde a cabeza polas bolsas Brownie. Sobre todo polas de tea, pero tamén polas de cartón. «Hai xente que as colecciona. Ambas», afirma. ««É un valor engadido á peza», advirte sobre estas totebag que non se venden (regálanas se se acada unha contía de compra, aínda que non é fixa). Fanas de diferentes cores segundo a tempada e son unha tolemia. Quítanllas das mans. 

O local abriu as súas portas o 12 de abril, pero o movemento xa se deixaba notar antes. O persoal que empezaba nova etapa laboral compartiu xornadas co equipo de montaxe e interiorismo e pasaron varios días previos colocando a roupa, preparándoo todo para a inauguración.

Óscar Vázquez

Pero que ten esta empresa que apaixona a mulleres de moi diferentes idades? A encargada opina que talvez sexa a capacidade de axuntar gustos e conectar a nais e fillas e ata a avoas.«Para nós foi superemocionante», conta.

A presenza en redes sociais é un dos fortes desta compaña que as aspirantes a atendela xa coñecían, e ter a oportunidade de formar parte dese equipo foi para elas un subidón. «Como amoblar a túa propia casa», compara. Laura explica que desde días antes da apertura moita xente achegábase a preguntar se podían entrar. «É que chama moitísimo a atención. Brownie coida moito o interiorismo e as tendas están decoradas como un acolledor fogar cos seus sofás, libros e mobles vintage. «E a de Vigo, ademais, ten moitísima luz e achega unha calidez enorme», engade explicando que moita clientela xa lles coñecía porque compraba nas tendas da Coruña, nas de Portugal ou vía online, «pero outros os habemos ir facendo aos poucos».

Óscar Vázquez

Brownie é unha empresa familiar creada en Barcelona que agora xa ten máis de 30 tendas entre España e Portugal, pero os seus propietarios seguen tendo un contacto moi próximo cos traballadores. O matrimonio formado por Juan Morera, que faleceu no 2016, e Mercedes Ortega, puxo en pé este pequeno imperio fai trece anos e agora son os seus fillos Juan e Lucas os que se ocupan de que siga crecendo. «Estamos en contacto moi directo con eles. Xa viñeron a Vigo varias veces e coñecemos tamén a Mercedes , que é a esencia de Brownie, unha muller natural, traballadora e con espírito novo», precisa a encargada, que xunto ás súas compañeiras Tatiana, Carmen e Noemí, afronta con verdadeira entrega un posto que non se agardaba tras catro anos de experiencia nuns grandes almacéns. Chegou á entrevista co número 90 e pensou que era tarde. «Dixéronme que era a última e eu díxenlles que agardaba que fose a definitiva», lembra.

Óscar Vázquez

O éxito de Brownie é unha receita con moitísimos ingredientes, pero o feito de ter roupa desde a talla P, tendo en conta o percentil para nenas de 10-12 anos, é outro máis. Laura lembra que Juan e Mercedes crearon a marca pensando nunha tenda na que se puidese vestir unha nai pero tamén as súas fillas. «E mesmo a avoa Brownie», asegura. «Cada peza ten o seu patrón e o seu estilo, e a capacidade de adaptarse a diferentes idades. Calquera muller con espírito xuvenil pódese vestir en Brownie, pero non é que as nais se vistan como as fillas», aclara. A marca fabrica modelos que poden servir para todas. Básicos como unha camisa de corte clásico con tecidos de moi boa calidade, moitos de algodón cento por cento orgánico, que as máis novos igual non valoran tanto, pero si as súas proxenitoras.