Antonio Soto: «Catro buses de coruñeses xa están completos e imos polo quinto para ver as luces a Vigo»

dores vázquez BERGONDO / LA VOZ

VIGO CIDADE

CESAR DELGADO

Recoñécese sorprendido do tirón que tivo a proposta para levar coruñeses a ver o alumeado de Caballero o día 30

12 novs 2019 . Actualizado ás 01:21 h.

Durante a entrevista chámano dúas veces para reservar prazas para ir a ver as luces de Nadal a Vigo o 30 de novembro. Antonio Soto (A Coruña, 1972), pese aos seus 25 anos no sector do transporte, non disimula a súa sorpresa porque triunfase a proposta.

-A que se dedican?

-Destino Galicia comezou en agosto e é unha marca comercial de Transvialia, unha empresa que xa leva dez anos e coa que prestamos servizo de transporte de viaxeiros, levamos fábricas, colexios, centros de día e servizos discrecionais.

-De onde partiu Destino Galicia?

-Estaba pensado cara ao Xacobeo. Tiña a experiencia de traballar para moitas axencias de viaxe e reunido cuns amigos xurdiu facer algo para fomentar outra forma de viaxar. Cando recolles xente doutros sitios sempre nos din que temos cousas que non se coñecen. Nós, facemos como un plus de amor á terra. Tras un primeiro viaxe a Lourdes con xente de Bergondo e Sada, comezamos coas viaxes ao Ézaro nocturno, dando empanada e Viña Costeira, e á volta uns licores galegos, e houbo demanda total. Despois fixemos unha experiencia na Ribeira Sacra, para ver a viticultura heroica, e tamén saíron todas as viaxes. Repetiremos as cousas que funcionan. Tamén a posta do sol en Fisterra, e estamos organizando agora unha viaxe de seis días con cinco noites con saída dende Madrid cara Galicia con base no hotel de Sada, debido ao renovado que está.

-A súa proposta é de volver a traer madrileños a Sada?

-Si, porque as Rías Altas son as grandes descoñecidas. Queremos potenciar esta zona, San Andrés de Teixido, Betanzos, Pontedeume e o entorno das Mariñas.

-E o de Vigo, como xurdiu?

-Nas viaxes damos a folla da protección de datos para o tema das fotos e temos un aportado para que nos indiquen cal lles gustaría que fose a próxima excursión. Sorprendeunos que varios poñían «Vigo luces», e pensamos en organizar unha viaxe se se cubrían un mínimo de 35 prazas. Cremos que non sairía e estamos sorprendidos, porque xa hai 200 persoas anotadas: 100 de Ferrol e 100 da Coruña. Imos ter que pedirlle a Abel Caballero se nos recibe e que nos habilite un espazo para aparcar porque catro autobuses están completos e imos polo quinto. Desbordouse, terá que ver con como se anunciou e tamén que nestes últimos días dixo que ata nevaría.

-A metade do traballo de promoción entón fíxollo Caballero?

-Fixo moito traballo o alcalde. E nos poñemos o plus, xa que é unha viaxe que se sae pola tarde, damos á ida café e torta de Santiago e á volta licores galegos. Algo diferente para que sexa ameno.

-Onde tivo máis tirón?

-En Ferrol só hai un punto de saída e levamos xa cen reservas, na Coruña recollemos tamén na comarca. Por experiencia, en Ferrol sempre se saíu moito en excursión en autobús.

-Farán caravana ata Vigo?

-Os buses irán xuntos, ao comezo pensamos que iríamos cun coche de cada lado, pero imos organizalo un pouco mellor porque chegar con 200 persoas a un café… Estamos pendentes de recibir orzamentos de varios locais para facer máis cómoda esa parada. A proposta é saír sobre as 16.00 horas, segundo onde o collas, e de Vigo ás 24.00, para dar á xente marxe para pasear e cear, e despois volver tranquilamente, porque é un sábado e o domingo non se madruga. É unha proposta cómoda e non é cara, xa que son 25 euros por persoa e gástase máis indo dous en coche particular pola gasolina e o aparcamento. Nós non somos os únicos que programamos excursións a Vigo, hai xente de Lugo tamén.

-Teñen máis viaxes singulares?

-Temos o de compras de Nadal ao oulet de Vila do Conde, con visita a Oporto o 6 de decembro, que vai ser unha viaxe bonita. Xa hai 25 persoas anotadas. Hai monta xente que organiza viaxes á feira, para xantar e acabar no baile, pero nós non intentamos meternos nese camiño, senón saír coa xente, divulgar a nosa cultura, ensinar sitios novos e que o pasen ben.