Retos e oportunidades na fusión de PSA con Fiat Chrysler

Jesús F. Lampón TRIBUNA

VIGO CIDADE

CHARLES PLATIAU | Reuters

01 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

As colaboracións entre fabricantes de automóbiles non son novas, de feito Fiat Chrysler (FCA) e PSA xa compartían a produción de determinados vehículos na planta de Sevel Sud. Ademais, PSA colabora con outros fabricantes no desenvolvemento de motores, tecnoloxías eléctricas ou a ensamblaxe de automóbiles, sirva como exemplo a produción dunha furgoneta de Toyota, en Vigo. Estas colaboracións levan implícitas moitas vantaxes, e algún dos fabricantes han ir máis aló. Isto supuxo que o sector teña vivido un proceso acelerado de crecemento a través de alianzas, fusións e adquisicións. Entre estas vantaxes, os propios fabricantes han citado: a) a creación dunha filial industrial europea de baterías eléctricas; b) as derivadas dun volume de vendas de 8,7 millóns de vehículos anuais, dotando ao novo grupo dun maior poder de compra fronte aos provedores de compoñentes grazas á súa nova dimensión; e c) o aproveitamento de economías de escala e a asignación máis eficiente dos investimentos na nova rede de produción baseada en plataformas modulares.

Respecto das implicacións que esta fusión ten para o sector en Galicia, cabe destacar dous fundamentalmente, unha para a planta de PSA en Vigo e outra para a industria de fabricación de compoñentes. A produción en base ás plataformas modulares permite ensamblar vehículos de diferentes segmentos ou tamaños. A planta de Vigo ten dúas liñas con dúas plataformas para producir modelos dos segmentos A, B, C e D. A planta viguesa forma parte dunha rede internacional de produción dunha multinacional, a repartición de produción e asignación de recursos ás plantas reflicten a competencia existente entre as plantas dun mesmo grupo. Neste novo contexto de fusión, a planta de Vigo vai optar a fabricar un maior número de modelos das marcas de FCA (Lancia, Fiat, Jeep, Chrysler, Alfa Romeo ou Dodge, entre outras), pero tamén vai competir cun maior número de plantas na asignación dos mesmos, en particular coas plantas de FCA que teñen as mesmas plataformas que a de Vigo. En Europa esta fusión incrementa en nove plantas a rede de produción do grupo (sete en Italia, unha en Polonia e unha en Turquía). Nesta situación de maior competencia intra-corporativa, pensamos que a produtividade segue sendo a clave para manter a posición competitiva da planta viguesa, ademais da flexibilidade dos seus procesos, instalacións e medios de produción que lle permitan adaptarse a estes cambios.

Por outra banda, a fusión persegue obter economías de escala; en particular, aos provedores demandaráselles un maior volume de compoñentes e a consecuente redución do prezo dos mesmos. Isto pode supor a necesidade de concentrar a súa produción, sempre que os factores loxísticos o permitan, en plantas con maior capacidade, co posible risco para as plantas que non teñan sido elixidas neste novo contexto produtivo.

?A produtividade segue sendo a clave para manter a posición competitiva da planta viguesa, ademais da flexibilidade dos seus procesos, instalacións e medios de produción