Da aula aos centros de investigación

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

VIGO CIDADE

D.C.

Alumnos que cursan o novo bacharelato de excelencia visitan os primeiros laboratorios

01 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Promover a vocación cara á investigación científica e tecnolóxica e acceder á universidade cunha formación avanzada. Son dous dos obxectivos que persegue o novo bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, o Stembach, que este curso proban tres institutos da comarca de Pontevedra. Son o IES Gonzalo Torrente Ballester e o IES A Xunqueira II, en Pontevedra, e o IES Johan Carballeira, en Bueu .

Os estudantes de primeiro de bacharelato, ademais de cursar unha materia extracurricular semanal, realizan outras actividades como saídas a centros de investigación e conferencias. Os quince alumnos que amplían a súa formación co Stembach no Torrente Ballester acaban de realizar a súa primeira visita. Foi este mércores ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán para coñecer de primeira man a metodoloxía empregada nun proxecto de investigación científica, explican desde este instituto da cidade.

A saída incluíu unha visita ao laboratorio de resistencia e tolerancia a patógenos forestais, no que se están realizando ensaios de inoculación do nematodo do piñeiro. Trátase dun verme que está a afectar a boa parte de Portugal e do que comeza a haber certa presenza en Galicia. Os estudantes tamén recibiron unha charla a cargo da investigadora Cristina Fernández, que lles detallou as liñas de investigación do centro e os pasos a seguir para a elaboración do proxecto de investigación.

A materia que estudarán durante dous anos os alumnos de Stembach do Torrente Ballester chámase Fundamentos estatísticos para a optimización da investigación científica.

Neste instituto teñen programado visitar a Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago o próximo 19 de novembro e despois de Nadal acudirán á Misión Biolóxica de Galicia, dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC); o Centro de Investigacións Biomédicas (Cimbio), da Universidade de Vigo; e o Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación (Cacti), tamén da UVigo.

No IES A Xunqueira II a profesora Esther Padín explica que de momento están con docencias no instituto e pechando contactos coa universidade. «Aínda non temos actividades programadas con eles», comentou a docente.

O terceiro centro que imparte o bacharelato de excelencia, o IES Johan Carballeira, de Bueu, iniciará as visitas o próximo 21 de novembro na Facultade de Química da UVigo. Tamén coñecerán outro instituto con Stembach, o IES A Paralaia, de Moaña , o 4 de decembro. Na súa programación tamén teñen previsto saídas ás Facultades de Bioloxía e Ciencias do Mar, da UVigo, e ao Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación (Cacti). As visitas pecharanse cunha escola de hostalería, aínda está por decidir se será a de Vigo ou a de Santiago.