«O casco salvoulle a vida», din os compañeiros do policía de Vigo ferido

E. V. Pita VIGO

VIGO CIDADE

atlas

A nai de Iván A. F. rompeu a chorar emocionada nunha das concentracións de apoio que houbo por toda Galicia

21 oct 2019 . Actualizado ás 22:14 h.

A nai do policía Iván A. F., vigués de 41 anos e pai de dous nenos, rompeu a chorar emocionada na comisaría de Vigo durante a concentración en apoio do seu fillo, o antidisturbios ingresado na uci o venres tras recibir un golpe no casco nas revoltas rueiras de Barcelona.

En toda Galicia se fixeron concentracións de apoio ao axente, pero a de Vigo foi a máis emotiva por estar a súa familia presente. Hai que lembrar que a cidade aínda chora a morte da policía Vanessa Lage, cribada por un atracador no 2014 e a traxedia roldou esta vez ao antidisturbios vigués, que sufriu un grave trauma cranial.

A proxenitora está «moi preocupada» polo seu fillo, segundo fontes próximas, e intentará trasladarse o máis pronto posible a Barcelona para visitalo no hospital. Na capital catalá xa está a esposa do lesionado, que viaxou para acompañalo.

Segundo as últimas informacións, o estado de saúde de Iván A. F. é estable, cunha evolución lenta pero favorable. No TAC que lle practicaron confirmouse que non viu afectada a súa mobilidade. Como os pulmóns avanzan ben, a previsión dos sanitarios era espertalo a última hora deste luns pero finalmente por precaución, os médicos decidiron que seguise sedado unhas horas máis.

Os seus compañeiros temen que sufra secuelas. «O casco salvoulle a vida, quedou completamente roto a causa do impacto», di o portavoz do SUP en Galicia, Roberto González. «O pasado venres estiveron tres horas recibindo impactos de todo tipo. Non lles deixaron avanzar. A súa liña estivo inmóbil e ata que caeron compañeiros non puideron avanzar», lamentou González.

Non saben exactamente que tipo de obxecto contundente golpeou a Iván, con gran experiencia na unidade antidisturbios (UIP), pois serviu en Madrid e, desde o 2007, en Vigo. Sospéitase que puido ser noqueado cun lastro, pedra ou maceta lanzada desde unha fiestra ou balcón, pois o axente caeu derrubado ante un portal e a traxectoria do impacto parece vertical. Outra posibilidade é que lle disparasen unha bóla de aceiro cun tirachinas. Creen que os radicais buscaban unha vítima mortal, pero non o lograron porque os antidisturbios actuaron con moderación e prudencia.

Os compañeiros de Iván esixiron máis medios materiais para responder os disturbios urbanos en Barcelona. En concreto, un portavoz pediu o apoio de tanquetas ou camións con canóns de auga para dispersar ás multitudes, novos uniformes para substituír aos danados estes días, e xornadas laborais adecuadas para evitar o esgotamento, que xa afecta ante un tipo de conflito urbano que nunca antes se viviu na democracia. Outra idea é condecorar aos policías. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, eloxiou a súa «heroicidade».

O outro axente galego ferido en Barcelona presta servizo na brigada de intervención da Coruña, ten 44 anos e é oriúndo de San Cibrao, en Cervo. Estaba previsto que fose operado este luns das fracturas nun brazo.

Hai 260 axentes galegos despregados en Cataluña. Moitos sufriron mazaduras en brazos e pernas. Mañá chega un grupo da Coruña, tras prestar servizo durante un mes, e volverán nunha semana. Segundo denuncian os axentes, falta material para facer fronte aos altercados e, ademais, alertan de que no resto de España a seguridade está comprometida.

Tamén houbo concentracións de apoio en Ourense, Lugo, Santiago, Pontevedra, Vilagarcía, Ferrol e Monforte.