Federico Mallo explica as bondades da dieta atlántica

La Voz

VIGO CIDADE

XOAN CARLOS GIL

AXENDA | O profesor da Universidade de Vigo participará nas mesas saudables de La Voz de Galicia

16 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O profesor da Universidade

de Vigo Federico Mallo dará unha charla para explicar en que consiste a dieta atlántica hoxe na sede Afundación (Policarpo Sanz, 24-26) ás 20.00 horas, dentro do ciclo de mesas saudables que organizan La Voz de Galicia, a Fundación Dieta Atlántica e Eroski, con conferencias en varias localidades da comunidade.

«A dieta é unha forma de vivir», explica o catedrático de Fisiología e Endocrinoloxía Federico Mallo. Defende que cando se fala de dieta non se debe restrinxir só a que se come , senón tamén debe incluír como se organiza o tempo e que exercicio faise. En dicir, a dieta fala de como se vive. Por iso a dieta atlántica inclúe o peixe, pero tamén moito máis que iso.

Na súa charla desta tarde, o profesor Mallo centrarase na actividade física como compoñente esencial da dieta atlántica. É algo que ten que ver coa forma de vivir: a dispersión poboacional de Galicia obrigou tradicionalmente a integrar a actividade física dentro do quefacer diario, desde cultivar na horta ata moverse para facer a compra ou para acudir ao centro social.

O baile é un exemplo perfecto para o profesor. «En practicamente todos os núcleos de poboación de Galicia hai algunha forma de baile. É un divertimento e unha actividade física».

Con todo, alerta Mallo, desde hai medio século «reducimos a actividade física á mínima expresión: traballamos de forma sedentaria e temos un lecer sedentario». E todo iso a pesar de que «estamos deseñados para facer exercicio». De maneira que a vida sedentaria dispara o risco cardiovascular. «Aumenta máis o risco cardiovascular ser sedentario que ser obeso», avisa.

Porque a obesidade ten moito que ver coa alimentación, pero non só. Tamén coa forma de vivir. Di Mallo que a organización do tempo é fundamental.

Non é o mesmo baixar en ascensor ao garaxe para coller o coche, chegar ao garaxe da oficina e traballar oito horas diante do computador que baixar de casa polas escaleiras, ir á parada do autobús, facer un transbordo e camiñar un intre para chegar á oficina. Xa non digamos, ir andando.

Nunca é tarde para empezar: «As persoas que levan unha tradición persoal de facer menos exercicio son as que máis se benefician de facer pequenas cantidades de exercicio físico», explica.

«Con non demasiado esforzo conséguese moito beneficio, mentres que unha persoa que está en boa forma necesita un incremento grande».

Outro dato: «Un gasto de 1.500 kilocalorías por semana con exercicio físico planificado reduce considerablemente os niveis de colesterol e risco cardiovascular», di. Pode ser unha camiñada diaria de 60 minutos, por exemplo.