«A bicicleta aporta sensación de liberdade»

Marcos Gago Otero
marcos gago PONTEVEDRA / LA VOZ

VIGO CIDADE

RAMON LEIRO

O colectivo trouxo ao foro público as reivindicacións e necesidades dos ciclistas na provincia

14 oct 2019 . Actualizado ás 13:57 h.

As bicis atraen a todas as idades e os seus usuarios están por todas partes. Pedaladas foi unha desas asociacións pioneiras que, hai xa 18 anos, empezou a crear conciencia na sociedade de que os ciclistas son usuarios dun medio de transporte, a bicicleta, que figura entre os máis respectuosos co medio ambiente, con grandes vantaxes fronte ao coche e a moto: non contamina e non fai ruído. «As persoas que van amais dunha moto non perciben o mundo igual que os que imos nunha bicicleta polo ruído que fan. Ti cando vas pedaleando non sentes nin a cadea, so escoitas o vento e pasar o asfalto», precisa Quique Pérez, presidente de Pedaladas. «Achega sensación de liberdade», concreta, ao librarnos da tensión dos coches e as dificultades de aparcar, entre outras cuestións.

O ciclismo é unha das grandes paixóns de Pérez desde que aprendeu a montar en bicicleta aos 9 anos. Defende a creación de Pedaladas para reivindicar os seus dereitos ante a Administración. Para el, os políticos galegos «son moi tímidos en apostar pola bici e moitas veces consideran que os usuarios de bici son friquis que a escollen por elección propia e que a bicicleta en Galicia e en España non vai triunfar». É todo o contrario ao que el prevé. Desde o seu punto de vista, os políticos están a ir por detrás dos mozos.

A crecente concienciación sobre o cambio climático na sociedade e a urxencia por tomar medidas contra o exceso de emisións de CO2 acabarán dándolle á bicicleta un papel aínda máis destacado na vida cotiá dos pontevedreses. Na provincia, «a curto prazo, o futuro da bici non o vexo moi claro, pero a longo, por fomento de políticas baixas de consumo de carbono, sei que chegarán as vías ciclistas e unha parte importante de desprazementos curtos faranse en bicicleta ou patinete eléctrico».

Vigo, Pontevedra e Vilagarcía son «tres modelos totalmente distintos». «Pontevedra apostou polo acougado de tráfico e non facer rede ciclista e conseguiu que a maior parte dos usuarios vaian coa bicicleta pola beirarrúa». Pérez cre que é posible realizar unha rede urbana de itinerarios para bicis, como xa lle propuxeron varias veces ao Concello.

En canto a Vigo, «é unha cidade moi agresiva para os ciclistas. Está empezando agora a facer o carril bici. De todas as grandes cidades creo que é das últimas en facelo». Sobre a cidade olívica, sostén que «é moi complicado para usar a bicicleta, non polas costas en si mesmas, senón porque os condutores de grandes cidades son moi agresivos». Sobre Vilagarcía, Pérez matiza que a capital arousá «fixo o contrario das outras dúas». Destaca que «apostou pola rede ciclista e ten moitos usuarios de paseo que van polos seus carrís bici, pero non ten tanta mobilidade ciclista como podería, porque a xente segue utilizando moito o coche».

Seguridade viaria

Se este medio de transporte respectuoso co medio e barato ten tantas vantaxes, a cuestión xorde deseguido. Por que a xente resístese a usala máis masivamente? Aquí Quique Pérez é rotundo. A comodidade ao volante gaña a partida naqueles casos onde hai rede ciclista pero permítese o tráfico. Noutros, onde se limitou moito, como Valencia, o auxe da bicicleta é moi grande. «Hai que darlle facilidades ao usuario da bicicleta para poder triunfar», precisa. A ninguén lle gusta estar a pedalear entre camións e coches. O risco de accidentes é moi elevado.

A problemática da seguridade viaria é un dos temas máis complexos do tráfico. Nos últimos anos, desde a Xunta, apostouse por un modelo de itinerarios comúns peonís e ciclistas, dos que se están realizando numerosos tramos na provincia. É un modelo de vía compartida que o presidente de Pedaladas cre que é «demasiado estreita» para viandantes e ciclistas. «Vai haber problemas de convivencia dentro de pouco», sostivo. Engadiu que non serven para moito, ademais, «ao ser inconexas». É necesario unha rede que permita desprazamentos en toda a provincia e entre vilas.

Aquí é onde entran en valor as vías verdes como a de Caldas a Vilagarcía, actualmente en execución, ou a tantas veces demandada de Pontevedra a Vigo, por Arcade e Redondela, que tamén se podería enlazar con Caldas. É ademais unha proposta que ten un gran potencial turístico, coa súa repercusión económica.

Pérez puntualiza que hai varias estradas que merecen unha atención especial, polo seu perigo. «Hai un problema moi grave na N-550, é dicir, todo o percorrido que vai de Padrón a Vigo, con moito usuario de ciclista de estrada e que calquera día hai un morto». Outras sobre as que habería que actuar son a PO-308 de Pontevedra a Sanxenxo, a PO-551 desde Cangas a Moaña, a N-554 de Moaña a Vilaboa. Son deberes que Pedaladas ponlle á Administración, ademais de dotar dunha vez por todas de itinerarios para ciclistas nas cidades.

A súa primeira bicicleta recibiuna aos 9 anos e aprendeu a usala no patio da súa casa en Mollavao, «en dous días despois de dar moitísimos golpes contra ou chan», relata.

«Non deportivo, é satisfactorio, é divertido, un reto persoal de superación física. Non uso diario, sobre todo liberdade».