O cura de Alcabre insiste: «A música non está permitida no cemiterio»

a.martínez VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

Alejandro Martínez

O sacerdote cre que un malentendido provocou a batalla campal no camposanto

22 sep 2019 . Actualizado ás 13:42 h.

«Non é que non o deixe eu, é que a música non está permitida no cemiterio». Desta forma, o párroco de Alcabre, José Manuel Mandado, insiste na prohibición de que soen instrumentos dentro do camposanto. Díxoo ao día seguinte de que este recinto se convertese no escenario dunha batalla campal.

«Os músicos tocaron onde tiñan que facelo, na porta, fóra do cemiterio», engadiu Despois de que a banda interpretase o himno galego, algúns músicos entraron dentro do cemiterio para participar nos rezos, dado que o falecido foi membro da agrupación musical e unha persoa moi querida en toda a parroquia.

Un malentendido é o que o sacerdote argumenta para explicar o sucedido. Un home de 63 anos creu que os músicos tocaran dentro do cemiterio e interrompeu violentamente o enterramento insultando e recriminando ao sacerdote porque a el non lle deixou meter unha banda cando enterrou á súa muller. «Non saio do meu asombro», comentaba onte unha testemuña dos feitos.

O sacerdote e os responsables da empresa de mantemento do cemiterio creen que o que debería de ter feito o home é agardar a que rematase o funeral e pedir explicacións. Aclaráronlle que os músicos tocaron fóra do cemiterio e non contravinieron unha norma que o párroco mantén a machada e sen excepcións.

Violencia sen precedentes

En lugar de buscar unha solución pacífica, o sexagenario enfrontouse aos familiares cando o enterrador ía depositar o féretro no nicho e provoco unha liorta dunha violencia sen precedentes dentro do recinto de Alcabre. «Houbo feridos con sangue», comentaba unha das persoas que se atopaban no interior do recinto.

Agora o sexagenario e o seu fillo foron denunciados polos familiares e achegados do falecido. Acudiron á comisaría de Policía para dar conta destes feitos.

Desde a comisaría remitiranse as dilixencias ao xulgado por presuntos delitos de lesións, alteración da orde pública e atentado contra a autoridade. Segundo afirmaron testemuñas, no medio da refrega, o sexagenario tamén se enfrontou aos axentes cando chegaron para disolver a pelexa. Os participantes na pelexa deberán acudir a declarar cando sexan citados polo xulgado.

Algunhas persoas non daban crédito polo sucedido a tarde do venres. «Paréceme incrible que unha persoa se atreva a montar un escándalo no medio dun funeral, cando o que tiña que ter feito era agardar para aclaralo todo», dixo Fernando Domínguez. «Esa persoa non debe estar nos seus cabais para reaccionar dese xeito. É algo que non ten explicación», manifestaba Sara outra usuaria que onte se atopaba de visita no cemiterio.

Intentaron frearlle

De feito, antes de montar o escándalo, algunhas persoas intentaron frearlle, sen conseguilo. «Eu díxenlle, está tranquilo que a banda tocou fóra do cemiterio» comentaba onte unha vendedora de flores. «Díxenlle que respectase o enterro e que fose falar co cura despois», engade.

No medio da discusión, alguén empurrou ao sexagenario e caeuse ao chan. Despois chegou o fillo preguntando quen pegara ao seu pai. «Empezaron a sopapo limpo e iso parecía unha batalla campal», comentaba a vendedora de flores.