«Tosca », o drama total

La Voz

VIGO CIDADE

cedida

Amigos da Ópera ofrece hoxe en Vigo a representación con orquestación completa e proxeccións 3D

21 sep 2019 . Actualizado ás 05:35 h.

Hoxe 20.30 horas • De 25 a 48 euros en Ataquilla • O Teatro Afundación acolle hoxe a estrea de Tosca , baixo a organización da Asociación de Amigos da Ópera de Vigo. Será a representación por primeira vez en Vigo en versión de concerto dramatizado coa orquestación completa. A obra en tres actos de Puccini que se estreou en Roma en xaneiro de 1900, está baseada nun drama de Victorien Sardou protagonizado no teatro por Sarah Bernhardt.

Tosca é considerada unha das óperas máis representativas do repertorio verista italiano pola súa intensidade dramática e por conter algunhas das arias máis belas do xénero. Combina amor, intriga, violencia, paixón e morte. A soprano Elena Mikhailenko encarna a Tosca . O papel de Scarpia cantarao o barítono Carlos Almaguer e no de Cavaradossi estará o tenor Héctor Sandoval. Alejandro López (baixo) como Angelotti, Fernando Latorre (baixo) como Sancristán, Diego Neira (tenor) como Spoletta, Pedro Martínez-Tapia (baixo) como Sciarrone e Ali Louzán (soprano) completan o elenco.

Estarán arroupados pola Orquestra Sinfónica Vigo 430 e o Coro Rías Baixas con dirección musical de Manuel Coves, dirección de escena de Ignacio Garcia e vídeo e iluminación de Alejandro Contreras.

O apartado audiovisual tamén destaca nesta produción, xa que inclúe tecnoloxía dixital de videomapping. Como contaba na presentación o director artístico Daniel Diz, consiste en proxectar imaxes de vídeo sobre superficies planas, creando imaxes en 3D. «Proxectaremos sobre o escenario e a cuncha acústica do teatro, e permitirá crear espazos e efectos dramáticos na acción», explica.