Primeiro cabodano

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

VIGO CIDADE

XOAN CARLOS GIL

20 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O 23 de setembro do 2018 falecía en Vigo, a súa cidade natal, a profesora e investigadora literaria Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Fixera, o 21 de agosto, cincuenta e sete anos. Para os tempos que corren era a idade dunha muller nova, como prematura foi, no seu día, a morte da filóloga arxentina María Rosa Lida (1910-1962). Imponse a cita non só por seren mulleres, senón por asemellárense na cultura literaria, no rigor investigatorio e no seu respecto ás peculiaridades do texto dos autores, a primeira gran consigna da Filoloxía. Victoria Álvarez, autora dunha obra non moi escasa, «foi durmir fóra» (tal como reza a necrolóxica de La Voz de Galicia), cando andaba á procura de datos que lle permitisen finalizar monografías nas que viña traballando desde había anos: Diccionario de epítetos rosalianos, Rosalía de Castro vista por Murguía, Dicionario galego de pseudónimos e heterónimos, Textos e datos sobre a represión lingüística en Galicia, Colectánea de ex libris galegos, Epistolario de Curros Enríquez cos escritores portugueses, Cronoloxía da Literatura Galega, Estudos blancoamorianos, Capítulos da historia da Real Academia Galega, La luz masónica (Santiago, 1870): un diálogo descoñecido, en galego e castelán, contra a masonería, Colección de epitafios de cemiterios da provincia de Pontevedra, Fraseoloxía (galega e portuguesa), Fórmulas epistolares, A obra vasca de Gabriel Aresti en relación coas Letras galegas e catalás, Vademécum de citas… A sinxela mención dalgúns títulos revélanos que foi Victoria Álvarez a primeira investigadora e colectora de certos subxéneros literarios (ex libris, epitafios…).

 Estreouse Victoria Álvarez, como investigadora, coa memoria de licenciatura Algúns aspectos da lingua galega de Rosalía de Castro (USC, decembro de 1986), traballo de 160 folios mecanoscritos que, en breve, será editado cun prólogo do profesor Antón Santamarina. Desde aquel ano, publicou textos e traballos rosalianos que iluminan momentos moi significativos do vivir e do escribir de Rosalía de Castro, e así o afirman María do Cebreiro e María Xesús Lama no monográfico Homenaxe de Madrygal, a prestixiosa revista da Universidade Complutense (n.º 21, 2018, p. 353-406). É nesta publicación onde a coordinadora da mesma, Patricia Arias Chachero, nos ofrece o estudo biobibliográfico máis completo da investigadora. Desde aquela data (decembro do 2018), apareceron nas moitas carpetas e nos moitísimos cadernos de Victoria Álvarez artigos e esquemas (ademais dalgunhas colectáneas de textos) sobre os que, na presente ocasión, damos unha primeira noticia, conscientes de que esta información pode ser útil a outros estudosos, nomeadamente cando os arquivos da investigadora teñan o debido status legal público.

No material literario recolleito durante anos e anos por Victoria Álvarez son de especial relevancia as páxinas «galegas» do Século de Ouro español, período non alleo a un evidente poliglotismo que a nosa investigadora estudou a fondo na obra de Juan Pérez de Montalbán La Lindona de Galicia (1696).

Filóloga galega de ampla ollada, deixou traballos, conclusos, que van de Valle-Inclán (tradutor de Eça de Queirós) aos poemas galegos de Carles Riba, poeta alófono no noso idioma. Alófono foi García Lorca nos Seis poemas galegos, hexaedro literario sobre o que Victoria Álvarez redactou, en 1998, unha rigorosa proposta de edición a partir dos manuscritos «ourensáns». Nun dos seus traballos inéditos, o protagonista é Leonardo Sánchez Deus, un dos combatentes, con Garibaldi, pola unidade de Italia. Foi, en realidade, o primeiro español que exerceu como brigadista internacional.