A Orquestra Kv2211 fará probas para incorporar músicos de entre os 8 e 20 anos

La Voz

VIGO CIDADE

AXENDA | Os exames realizaranse o 6 e o 14 de setembro, e é necesario inscribirse antes

09 sep 2019 . Actualizado ás 18:55 h.

A Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo Kv2211 abre unha nova convocatoria de acceso. As probas, destinadas a instrumentistas de corda de entre 8 e 20 anos, celebraranse o venres 6 de setembro ás 17 horas e o sábado 14 de setembro ás 11 horas en Vigo. O único requisito para formar parte da orquestra é ter autonomía no instrumento de corda para o que se opte.

Os candidatos han de remitir un mail a: orquestraKv2211\gmail.com. A Kv2211 ensaia todos os sábados en horario de mañá nas instalacións cedidas gratuitamente pola Escola de Música Amadeus de Vigo.

Na actualidade a orquestra divídese nas súas formacións Orquestra Infantil, Orquestra Xuvenil e Orquestra Infantil e

Xuvenil e está formada por máis de 50 músicos de corda, percusión, vento e piano de Vigo e localidades como Tui, Nigrán, Baiona, Mos ou Porriño.

A Orquestra Kv2211 constituíuse en outubro de 2017 co fin de potenciar a formación orquestral de instrumentos de corda desde idades temperás e contribuír a potenciar a actividade cultural de Vigo. O próximo concerto desta formación celebrarase na parroquia de Valladares o domingo 20 de outubro.

A Kv2211 estreouse o 24 de xuño de 2018 no Concello de Vigo. Desde entón actuou en Vigo, en varias ocasións, tamén en Porriño, en Bembrive, así como en varias localidades do Baixo Miño, como A Guarda, O Rosal e Santa María de Oia.

Ademais do seu compoñente formativo musical, o proxecto Kv2211 destaca polo seu

compoñente social.

Os impulsores do proxecto consideran importantes os valores que se transmiten a través da música e, ao mesmo tempo, dedican cada concerto a dar visibilidade a unha organización que traballe por mellorar a sociedade. Así, o concerto de Nadal dedicouse á asociación Aldeas Infantiles Galicia e o ciclo do Baixo Miño á asociación Avelaiña.