Obrigan a avaliar os riscos laborais dos médicos de familia de Vigo

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

Óscar Vázquez

A Inspección de Traballo dá tres meses para facer o estudo dos centros de saúde que pedía o sindicato CESM, que denunciou estrés dos facultativos e falta de recursos

21 ago 2019 . Actualizado ás 23:50 h.

A Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo terá que avaliar os riscos psicosociais dos médicos de familia e pediatras de todos os centros de saúde da área sanitaria. Así o decidiu a Inspección de Traballo tras unha denuncia interposta polo sindicato médico CESM. O informe dos inspectores da Seguridade Social sinala que se incumpriu a normativa vixente en canto ás condicións de traballo e dá tres meses de prazo aos responsables da área sanitaria para que proceda a elaborar a evalución de riscos dos facultativos e, en función dos resultados, aplique as medidas necesarias «para que en todo momento os representantes do persoal sanitario teñan acceso a esa información».

A Inspección de Traballo acepta así as demandas que fixera ao Sergas o sindicato a instancias dos xefes de servizo dimisionarios, despois de que estes rompesen cos sindicatos. O CESM, en plena protesta dos médicos de familia, denunciou a mala distribución dos tempos de traballo e a falta de recursos humanos e materiais para facer fronte á demanda asistencial que existe. Entenden que esta situación provoca estrés, deteriora as relacións persoais e está a afectar á saúde, tanto física como psíquica, dos médicos de familia e pediatras que traballan nos centros de saúda da área de Vigo, algúns dos cales estarían especialmente sobrecargados.

Un representantes da EOXI compareceu o 19 de xullo pasado ante a inspectora de Traballo e Seguridade Sociais, quen comprobou que non se procedeu a elaborar a avaliación de riscos psicosociais «na totalidade dos centros de saúde da área sanitaria de Vigo, no que a facultativos se refire nin, polo tanto, procedeu á planificación da acción preventiva derivada daquela avaliación». A normativa vixente, sinala a resolución da Inspección asinada o 2 de agosto, esixe valorar as condicións de traballo, relacións sociais e a influencia dos factores ambientais, para poder así implementar medidas correctoras cando haxa posibles incumprimentos.

A resolución que obriga á EOXI é contundente non só á hora de dar un prazo de tres meses para que execute a avaliación de riscos laborais nos centros de saúde, senón tamén ao sinalar que os representantes do persoal sanitario con competecias en materia de prevención, teñan, «en todo momento», acceso a esa información «debendo ser consultados sobre as medidas que se poden adoptar como resultado da avaliación.