Un imán

Eduardo Rolland
Eduardo Rolland A BUJÍA

VIGO CIDADE

XOAN CARLOS GIL

As praias de Vigo teñen unha alta concentración de area de magnetita

20 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

As praias de Vigo son un imán. E non porque a súa beleza atraia ao turismo. Senón porque, literalmente, teñen altas concentracións de area de magnetita, un mineral ferroso con propiedades magnéticas. De feito, a ría viguesa é un exemplo mundial, citado a miúdo como algo singular xunto ás minas da cidade de Kiruna, en Suecia .

Que na ría haxa magnetita non é estraño. Porque a xeoloxía de Vigo é moi interesante, como demostra o científico Ricardo Prego, do Instituto de Investigacións Mariñas, que publicou co CSIC o libro divulgativo Que sabemos das terras raras. Nel debulla as curiosidades os 17 elementos que reciben esta denominación, que son apetecidos pola industria porque con eles se fan os máis avanzados compoñentes electrónicos, aínda que teñan nomees personaxes de Mortadelo e Filemón: neodimio, prometio, samario, europio, gadolinio, terbio, disprosio, holmio, erbio, tulio, iterbio e lutecio.

Xa nos anos 60 do século pasado, xeólogos holandeses descubriron que o monte Galiñeiro é rico en terras raras. E que se estenden ao longo dunha franxa que vai ata o monte da Guía, atravesando Vigo. A mala noticia é que a rareza do chan vigués alimentou proxectos de explotación, algo que sería un crime ambiental para O Galiñeiro porque é altamente contaminante. Así que conformémonos con admirar o chan que pisamos.