Soleá Morete e Budiño acoden a «Solpores do museo»

La Voz

VIGO CIDADE

XOÁN CARLOS GIL

AXENDA | Os concertos desenvolveranse no Museo do Mar

15 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Ás 20.30 horas terá lugar no Museo do Mar unha nova entrega do ciclo Solpores do Museo, nesta ocasión xa no seu emprazamento da terraza do restaurante. Os artistas seleccionados para o concerto de hoxe son a cantante flamenco-pop Soleá Morente e Xosé Manuel Budiño, dous estilos marcadamente diferentes para un concerto singular.

Soleá Morente viaxa entre o flamenco e o pop-rock. Non se considera cantaora, pero si flamenca, combinando a herdanza da cultura musical da familia Morente con influencias do pop rock ou mesmo o rock alternativo.

Pola súa banda, Budiño partiu da música de raíz para ir mesturando as súas composicións con sons máis contemporáneos. O seu traballo máis recente, Fulgor, é unha proba desa evolución constante que o gaiteiro de Moaña imprime ao seu músico. O ciclo aínda terá dúas entregas máis os xoves 22 e 29 de agosto.

Naviera Nabia intensifica a súa oferta de verán con dúas novas rutas gastronómicas centradas no polbo e o marisco.

As rutas do polbo e do marisco celebraranse todos os xoves de agosto e ofrecerán a oportunidade de coñecer a historia, tradicións e lendas de Vigo así como descubrir, mentres gozan da travesía pola ría, das curiosidades que entraña a pesca e a preparación do polbo.

En cada un dos percorridos ofreceranse degustacións de produto. Os barcos da Ruta do Polbo sairán de Vigo (12.15 horas) e Cangas (12.40 horas) e regresarán ás 14.30 horas. Os da Ruta do Marisco partirán á tardiña tamén de Vigo (20.15 horas) e Cangas (20.40 horas), con regreso ás 22.40 horas.