«Nesta praia é raro ver a alguén que non veña co seu can»

xandra h. monroy VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

CARLOS IGREXAS

Canes e humanos pasan o tempo xuntos nas praias perrunas da Foz e A Calzoa en Vigo, preto de Samil

21 jul 2019 . Actualizado ás 21:02 h.

Vigo é a cidade galega con maior número de cans en Galicia. Segundo datos da Consellería de Medio Ambiente, en 2018 había 39.308 cánidos en Vigo, uns 12.000 máis que nenos. Por isto, non é de estrañar que os vigueses necesiten certos espazos aos que poder acudir coas súas queridas mascotas.

Durante os meses de inverno, os peludos poden ir cos seus donos a calquera das praias de Vigo e a calquera hora. Con todo, a partir de xuño, estes espazos quedan vetados para os animais. Ou polo menos así era ata o ano pasado, cando o Concello aprobou un decreto municipal polo cal se habilitaron as praias da Foz e A Calzoa para que os mellores amigos do home puidesen gozar dos días de praia tamén.

Estas dúas praias atópanse a continuación de Samil, xusto alén da desembocadura do Lagares. No entanto, a elección destes espazos non estivo libre de polémica o verán pasado, pois os veciños da Carrasqueira, en Coruxo, queixáronse de que fosen eses areais os escollidos como praias perrunas. A pesar de que se chegaron a presentar máis de 1.000 firmas alegando que a presenza dos canes danaría o ecosistema, finalmente o concello desestimou as queixas e mantivo a decisión, aínda que si que se pechou unha parte o areal da Calzoa para deixalo libre de mascotas e aplacar así as queixas veciñais.

carlos Iglesias

Os amantes dos cans aplaudiron o proceder municipal e este verán volven ser usuarios das praias perrunas. Por exemplo, Scott, un perrete moi juguetón pero moi ben educado, goza correteando polo areal, saltando na beira e xogando cos outros perretes na praia. O seu dono Timothy alégrase de que habilitasen ese espazo e conta que o ambiente que se crea é moi agradable.

Os que visitan a praia levan ao seu fiel compañeiro «é raro ver a alguén que non veña co seu can, e en xeral o ambiente que se crea é moi bo. Os animais non se pelexan, porque cando chegan aquí é coma se estivesen en manda, nin sequera hai problemas cos potencialmente perigosos e os donos tampouco se molestan se de súpeto un pasa correndo por amais da súa toalla, saben que calquera outro día pode ser o seu o que o faga», explica, e engade que os donos manteñen a praia limpa, todos levan as súas bolsitas e encárganse de recoller o que as súas mascotas poidan ensuciar.

Segundo contan os usuarios, os cans relaciónanse e xogan uns con outros, sen que chegue a haber ningún tipo de pelexa ou problema.

Sara e Ruth visitaron a praia da Foz por primeira vez o pasado xoves e viñeron desde Ourense con Tsar, un gran danés de 10 anos que se puido pasear tranquilamente pola beira antes de tombarse a tomar o sol. As ourensás contan que noutras ocasións han ir a pasar o día á praia perruna da Cunchiña, en Cangas, pero que agora se decantarán polas de Vigo, xa que se atopan en mellores condicións «A area de aquí está mellor», explicaron.

Os usuarios habituais adoitan acudir con frecuencia, con todo, admiten que ás veces o areal queda un pouco pequeno, sobre todo cando sobe a marea. «Sempre hai moita xente con cans nesta praia. A fin de semana aquí poden haber máis de cen cans, sobre todo os sábados», explica Timothy.

O problema é que se trata do único espazo de praia en toda a cidade ao que se pode acudir cos peludos, que ademais se viu algo reducido tras as protestas dos veciños que ocasionaron que unha parte da Foz queda prohibida para os peludos. A Calzoa, pola súa banda, é unha praia de máis roca que areal, polo que realmente os usuarios prefiren facer uso da primeira.

En canto ao resto de servizos, as praias contan cunha zona de aparcadoiro en primeira liña, en Rúa de Canido, e unha fonte para que os animais poidan beber. Ademais, os usuarios sinalan que o espazo resulta idóneo pola súa localización resgardada que achega un plus de seguridade en caso dos cans escapistas.

As normas son as habituais neste tipo de espazos: os cans poden estar soltos, pero sempre controlados polos seus donos; hai que tratar de non molestar aos demais usuarios; é obrigatorio, e indispensable para poder gozar da praia, recoller os excrementos; e os cans deben estar censados, con microchip e coas vacinas ao día. No caso dos cans potencialmente perigosos, deben acudir atados e con boceira.

Aínda que en xeral os usuarios contan que non adoita haber ningún tipo de problema cos peluditos, algúns si que lembran un incidente que tivo lugar o ano pasado: dous cans morreron. O que ocorreu foi que, coas protestas dos veciños tras a habilitación da praia perruna, rompeu a fonte que había alí. Como os usuarios sabían que había unha fonte, moitos non levaban unha botella de auga para o seu compañeiro cuadrúpedo. O problema foi que, ao non estar a fonte, dous cans beberon auga de mar o que, sumado á calor, foi letal para eles. Tras este suceso, os usuarios contan que xa non se arriscan e recomendan levar sempre unha botella de auga grande.