Vigo dixitalizará o seu arquivo histórico, con documentos desde o século XV

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

O goberno destinará 280.000 euros nun plan piloto que comezará tras o verán

25 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Vigo destinará 280.000 euros á posta en marcha dun plan piloto de dixitalización dos arquivos xeral e da Xerencia de Urbanismo . A operación enmárcase nun plan máis amplo destinado a desenvolver un modelo de administración electrónica que, nun futuro, poida substituír a documentación en papel por expedientes electrónicos.

Nesta primeira fase, o goberno municipal pretende identificar, clasificar, ordenar, catalogar e elaborar un plan de dixitalización, así como iniciar o proceso de dixitalización dos dous mencionados arquivos, que son utilizados a diario tanto por investigadores como por cidadáns que buscan referencias relacionadas coas súas vivendas ou negocios.

Ata mediados de xullo está aberto o período de presentación de ofertas para asumir un traballo cuxo desenvolvemento está calculado que teña unha duración de 18 meses.

O arquivo xeral custodia fondos xerados polo Concello de Vigo desde o século XV ata 1999. Os seus expedientes máis destacados cos libros de actas (1500-1998), o fondo histórico (1405-1999), a parte dedicada ao urbanismo, composta polas licenzas de obras e de apertura, as rendas municipais, os padróns de poboación (o máis antigo é de 1600) e a prensa histórica. Pola súa banda, o arquivo da Xerencia de Urbanismo ten documentación a partir de 1996. Aí pódense atopar todos os datos relacionados con esta área en miles de expedientes.

O persoal do arquivo xeral sinalou unha orde de importancia no plan de dixitalización baseado en distintos criterios, como o estado de conservación dos documentos ou a súa demanda polos cidadáns.

O equipo humano requirido para realizar este proxecto componse de catro operadores para a mecanización de datos; un coordinador para a xestión das tarefas documentais; e un xerente do proxecto.

No prego de condicións esíxese a creación dunha plataforma de dixitalización para realizar o tratamento da documentación tanto para dixitalizar documentos como para capturar os metadatos oportunos.

Instalacións deficientes

Paralelamente a este plan de dixitalización, o Concello de Vigo estuda as posibilidades de mellora das instalacións do arquivo xeral. Esta vital ferramenta para o estudo do pasado está actualmente situada nos sotos da casa consistorial, xunto ao garaxe. As condicións do lugar non son as adecuadas para a conservación dos documentos, nin nada cómodas para os traballadores e os usuarios das mesmas.

O pasado ano, un grupo de intelectuais vigueses asinou un documento reclamando as melloras oportunas para este espazo. Desde entón, o goberno vigués deu algúns pasos para introducir algunhas modificacións nas mencionadas instalacións, aínda que aínda non se converteron nunha realidade.