Jaime Garrido recibe unha homenaxe póstuma coa presentación do seu último libro

VIGO CIDADE

M. MORALEJO

AXENDA | O Instituto de Estudos Vigueses presenta «Vigo amurallado. Orixe e evolución histórica»

25 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O salón de actos do Museo de Arte Contemporánea de Vigo acollerá, a partir das 19.30 horas, unha homenaxe póstuma a Jaime Garrido co gallo da publicación do seu último libro, Vigo amurallado. Orixe e evolución histórica.

O acto será presentado polo presidente do Instituto de Estudos Vigueses (IEV), entidade en cuxa fundación participou hai máis de 25 anos o arquitecto e historiador falecido o pasado mes de abril.

A descrición biográfica se Garrido Rodríguez será asumida por Antonio Giráldez, tamén membro fundador do IEV. Finalmente, José Ramón Iglesias Veiga, membros fundador do instituto, asumirá as explicacións correspondentes á nova obra.

O libro é un extenso traballo sobre a creación e incidencia do sistema de fortificaciones realizado en Vigo a mediados do século XVII. Jaime Garrido debulla todos os detalles daquel feito fundamental tanto para a vida dos vigueses de entón, como para a posterior evolución morfológica da poboación. Cun gran número de planos -en moitos casos realizados polo propio autor- o estudo avanza posteriormente polos distintos plans urbanísticos trazados para Vigo durante o século XIX. Algúns tiveron o seu reflexo real, mentres que outros quedaron no plano teórico.

Jaime Garrido deixa unha extensa obra de investigación histórica case sempre vinculada á arquitectura e ao urbanismo da cidade. Entre os grandes títulos da súa bibliografía destacan Vigo, a cidade que se perdeu, O porto de Vigo, síntese histórica ou A orixe de Vigo, o monte do Castro e o seu castelo. Por ese intenso traballo de toda unha vida, Garrido obtivo premios como o Laxeiro e o Gómez Román.

Pero máis aló deste traballo científico, Garrido tamén soubo ver a importancia do patrimonio arquitectónico e en épocas pouco favorables se posición ante proxecto que atentaban contra algúns dos seus elementos. O caso máis significativo foi o seu defensa do edificio que actualmente acolle o Marco, que estivo a piques de ser derrubado para abrir unha praza. E con todo, non se lle concedeu o título de Vigués distinguido.