Gilberto Gil actuará en Vigo o 16 de xullo

VIGO CIDADE

XOAN A.ADOITAR

O músico brasileiro presentará o seu novo disco no auditorio Mar de Vigo

11 jul 2019 . Actualizado ás 16:21 h.

O músico brasileiro Gilberto Gil volverá actuar en Vigo o 16 de xullo no auditorio Mar de Vigo. O exministro de Cultura do Brasil chegará coa xira de presentación do seu novo disco Ok ok ok' (2018). Só ofrecerá outros dous concertos na Península, o 8 de xullo en Barcelona e o 19 de xullo en Lisboa.

Con este novo traballo, volve ao top mundial da música, con temas que falan da familia, das amizades, da vellez ou da enfermidade, pero tamén contra as patrullas ideolóxicas. Gil, tras unha enfermidade que chegou a ameazar a súa vida, afirma que xa non ten medo da morte nin da vida. E así inaugura unha nova fase na súa carreira, co que denomina o seu primeiro álbum da súa vellez. En directo estará acompañado dunha excelente banda e unha das revelacións musicais no Brasil contemporáneo, Roberta Sá.

Gilberto Gil xa toco en Vigo no ano 2002, dentro da programación do Festival Para Vigo voume. Naquela ocasión reuniu a 20.000 persoas no parque de Castrelos. Non foi aquela a única actuación que deu en Vigo este referente da música internacional.

A primeira vez que se lle puido ver foi no estadio de Balaídos en 1992. Foi durante o Festival Afroamérica, onde compartiu escenario con outras grandes figuras, como B.B.King, Celia Cruz ou Willy Deville. Aínda volvería a Vigo no ano 1995 cun concerto no Teatro García Barbón.