«A idea non é ir armado pola rúa, senón que unha persoa poida defender o seu»

Serxio González Souto
s. gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VIGO CIDADE

MARTINA MISER

22 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Diego Bravo Barros (Barro, 1989) é o máis novo dos candidatos que concorren en Vilagarcía. A fin de semana, relata, frustrou o intento de rapto dunha nova, de madrugada, mentres vixiaba que ninguén arrincase os carteis de Vox . Así que a primeira pregunta vén de corrida.

-É Vilagarcía un lugar seguro?

-Non é inseguro, pero é certo que hai escaseza de prazas de policía nacional e local. Na local acábanse de cubrir tres prazas, pero unha xa está en Vigo e a outra en Lugo, porque os soldos aquí son baixos. Habería que dignificar o labor da Policía Local, porque mil euros non é moito para o traballo que realizan. Cos bombeiros sucede o mesmo.

-É a súa primeira experiencia en política, por certo?

-Nunca fun afiliado a ningún partido. Pero si me gustaba moito a estrutura e a ideoloxía de Vox. Veu Ortega Smith a Pontevedra a dar un mitin e gustoume. Así dei o paso para formar parte de Vox. Despois xurdiu a idea dunha candidatura en Vilagarcía.

-Unha ideoloxía de ultradereita.

-Para nada. Non me considero de ultradereita. A visión real do partido é moi distinta da que se pinta nos medios.

-Pedir que os españois de ben vaian armados pola rúa...

-Non é así. A idea non é andar pola rúa con armas, senón poder defender o teu domicilio, o que é teu. Se tes unha licenza que che permita ter unha arma, ben. Pero pode ser un floreiro, un coitelo, as túas propias mans. A nós ninguén nos dixo nada de españois de ben, só que unha persoa poida defender a súa propiedade.

-Retiraríalle vostede as axudas sociais aos inmigrantes?

-Quen primeiro deberían recibir as axudas sociais son quen cotizaron neste país, E a continuación, a quen lle competa, sempre desde a legalidade e non a calquera que chegue e en seis meses teña prioridade.

-Pero vostedes comprobaron iso que afirman?

-Claro. A unha persoa inmigrante con domicilio recoñecido e seis meses de contrato correspóndenlle uns 680 euros.

-Que me di do galego? Retiraría as axudas para a súa promoción e normalización?

-As axudas non, estamos en Galicia. Pero tamén debes ter a liberade de falar e aprender o castelán. Hai en Vilagarcía xente con fillos aos que só lles imparten en castelán a materia de lingua e matemáticas.

-Perdoe, iso aquí non sucede.

-A min dixéronmo. O que sei en persoa é que á miña parella, que veu de Canarias e solicitou que as clases que se daban en galego impartísenllas en castelán, porque acababa de chegar, denegáronllo. E a unha moza romanesa concedéronllo.

-Hai lugar en Vilagarcía para un pacto á andaluza?

-Depende das ideas que teñan o PP e Cidadáns. Eu non vou pactar con ninguén para sentarme nunha cadeira de brazos; iso é o que fai a xente que vive do conto. Prefiro unha oposición digna. O PP non me convence nada. Ao PSOE nunca o votaría. Non facilitaremos que alguén goberne como se fixo ata agora.

-Que necesita, pois, Vilagarcía?

-Un goberno que sirva, axude e sexa a voz de todos os veciños de Vilagarcía. Rebaixa do IBI para familias con menores e dependentes. Imposto de circulación máis barato. Rebaixas fiscais e cesión de chan ás empresas, facilidades para os autónomos. Industria turismo e emprego. E atención para o rural, porque está totalmente abandonado.