Elena Muñoz propón acabar con «o Vigo de dúas velocidades»

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

Cedida

A candidata do PP propón destinar o remanente municipal a mellorar as dotacións das parroquias

19 abr 2019 . Actualizado ás 14:53 h.

 portavoz do PP en Vigo, Elena Muñoz, propón destinar 30 millóns de euros do remanente municipal a dotar ás parroquias do mesmo nivel de servizos e infraestruturas que o centro de Vigo. «Queremos un Vigo mellor e máis igualitario, e por iso expomos unha aposta decidida polo rural que se traduza nunha mellora significativa no transporte, nas humanizacións, no patrimonio, nos saneamentos e abastecemento, na limpeza ou no urbanismo», explica a candidata popular á alcaldía de Vigo.

Elena Muñoz anuncia que dita petición será levada ao pleno do próximo mércores co obxectivo de que a corporación municipal aposte por acabar con ese «Vigo de dúas velocidades no que nos introduciron». «Non pode seguir habendo vigueses de primeira e de segunda», apunta a portavoz do grupo municipal do PP.

A candidata popular considera prioritario mellorar a comunicación entre as parroquias, e destas co centro de Vigo e coas infraestruturas e servizos fundamentais da cidade, como o hospital Álvaro Cunqueiro. Neste caso opina que hai que manter lanzadeiras reais de autobuses urbanos ao hospital desde as parroquias.