Vicent Alberola: «'O barbeiro de Sevilla' é un 'hit' da ópera»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

VIGO CIDADE

PACO RODRÍGUEZ

Dirixirá en agosto a produción impulsada polo Espazo Cultural de San Martín Pinario

23 mares 2019 . Actualizado ás 04:55 h.

Despois do éxito o ano pasado con Madame Butterfly, o Espazo Cultural de San Martín Pinario volve apostar por unha ópera, neste caso, O barbeiro de Sevilla, de Rossini. Esta vez trátase dunha produción propia e haberá representacións os días 14 e 17 de agosto, ás 21.00 horas, con capacidade para 800 persoas. Está previsto que as entradas saian á venda en abril desde 10 euros. Da dirección encargarase Vicent Alberola, con ampla experiencia e coñecedor da música en Galicia, pois dirixiu a Xoven Orquestra de Galicia e tamén a Orquestra 430 Vigo. O elenco de cantantes contará con varios galegos, como Gabriel Alonso, Patricia Rodríguez Rico e Anaís Fernández, ademais do colombiano Pablo Martínez.

-Como xurdiu a iniciativa?

-Temos unha amiga común e empezamos a falar. Cando me dixeron O barbeiro de Sevilla, inmediatamente dixen que si porque é unha ópera que é súper divertida, faiscante, cómica..., desas que realmente che gustan ver, tocar e dirixir.

-Trátase dunha ópera moi coñecida, por que quere que sexa lembrada?

-Vou formar unha orquestra nova cun 80 % de músicos galegos. Tiven a sorte de criarme aquí con eles, de vivir nesta terra e hai moito talento. Ademais, tiven a oportunidade de estar en orquestras top mundiais e quero que veñan colaborar intérpretes con gran bagaxe e experiencia para que a xente de aquí poida velos. Por outra banda, O barbeiro de Sevilla é a ópera bufa das óperas bufas. É un dos grandes hits da ópera, un xénero no que nunca sabes o que vai pasar, o que che pode emocionar. Estas producións son importantes para chegar a xente que nunca viu unha. Ademais, ofrece prezos alcanzables para poder gozar deste mundo, que é incrible.

-É unha ópera para iniciarse?

-Para iniciarse é perfecta. Rossini era o xenio das melodías, moi pegadizas, como hoxe pode ser o Despacito (ri). Pero é unha ópera que reúne todos os requisitos para poder rirche, emocionarche, chorar, enfadarche...; están todas as emocións. Ademais, é unha ópera en dous actos, non moi longa, co cal é perfecta para iniciarse neste mundo operístico.

-Cal é a maior dificultade?

-(Ri). É caro facer unha ópera. O máis complicado é atopar á xente idónea para formar a orquestra. Neste caso, serán ao redor de cincuenta músicos. Hai que engadirlle os cantantes -seis ou sete-, o director de escena, o pianista repetidor... Teremos que montar unha ópera nunha semana de ensaios por iso estou buscando os mellores músicos.

-Dirixe orquestras sinfónicas, ópera..., que transfire dunha actividade á outra?

-É bastante diferente. A ópera é o mundo máis completo para un director. Se un director se forma en ópera, pode dirixir todo. Cando xa fixeches ópera, dirixir sinfónico é case como un paseo en barca.

-E tamén clarinetista.

-A miña vida foi o clarinete. Empecei aquí en Galicia e agora teño unha orquestra, que son todo viaxes. Veño de Australia, Xapón e China . Agora en maio hai xira por toda Europa, o ano que vén a Sudamérica.

-Ve moita evolución no nivel da música galega?

-Por mor das orquestras, tanto a Filharmonía como a Sinfónica, empezou a vir xente preparada e empezou a facer escola. Cada vez que veño hai máis corda, que non existía antes. Hai moita xente e ben preparada, o que se une á paixón e ao talento.