Unha muller atemporal

Andrés Feijoo

VIGO CIDADE

Familia

A mestra Marcelina Panete foi todo un exemplo de loita e perseveranza no barrio de Lavadores

19 feb 2019 . Actualizado ás 21:03 h.

Marcelina Panete foi todo un exemplo de loita e perseveranza desde o barrio de Lavadores. Cando naceu as mulleres non tiñan nin dereito a voto, así que se pode chegar a comprender a dificultade que supuña querer aprender -xa non digo conseguir- a realizar algunha tarefa diferente á costura ou aguantar o rexeitamento da sociedade do momento.

Marcelina, que faleceu aos 93 anos, botouse a súa vontade e a de moitas mulleres ás costas e loitou por evitar a ignorancia para ela e as demais. Formouse como mestra e abriu a súa propia escola no barrio de Lavadores. Durante décadas posibilitou ás familias a educación dos seus nenos, servíndolles como base para progresar e ter ferramentas para a súa propia loita por unha vida mellor.

Por iso, creo que os seus últimos momentos non deben ser lembrados só polos seus familiares próximos, senón que pertencen tamén a multitude de xeracións xa sexa de nenos que aprenderon con ela ou mulleres que se reflectiron ao vela. Co seu exemplo de tenacidade, acaba de converterse nunha muller atemporal, resgardada no recordo de moitos e na valentía dunhas poucas.

Grazas pola mellor lección que impartiches: a túa vida.