Dous anxos caídos en Corrubedo

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. branco RIBEIRA / LA VOZ

VIGO CIDADE

MARCOS CREO

A parella leva unha década impartindo clases gratuítas de diferentes materias

23 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Como tantos outros, despois de moitos anos veraneando en Corrubedo, Ricardo Antelo e Mari Luz Muñiz namoráronse da localidade; por iso, cando se xubilaron, renunciaron tanto ao seu lugar de residencia, Vigo, como á cidade compostelá na que ambos habían nado, en favor do pobo costeiro ribeirense. Pero lonxe de unirse aos seus veciños como simples números nun padrón, emprenderon un camiño coa axuda ao próximo como fin principal e a cultura e a educación como medios. Foi así como comezou a historia das Aulas Ledicia, que hoxe tamén teñen sedes en Carreira e Artes.

Ricardo Antelo encaraba esta nova aventura cunha exitosa experiencia como antecedente. Na súa mocidade como sacerdote no barrio santiagués de San Lázaro -posteriormente pediu unha dispensa para formar unha familia-, impulsara a construción dun colexio: «Custounos oito anos levantar o edificio, xa que as obras as executamos un grupo de veciños e eu mesmo, pero agora leva 55 anos funcionando e alí impártense clases a 200 raparigos». Contaba ademais coa axuda da súa muller, mestra de profesión: «Vimos que aquí en Corrubedo sería doado abrir unha porta ao ensino».

A parella fíxose primeiro cun local en Corrubedo, cedido polo Concello na antiga escola unitaria, e logo con outro en Carreira, un salón parroquial xunto á capela da Guía, e empezou a ofertar clases de música, mecanografía, informática e contabilidade. Pero, a medida que foron sumándose alumnos, fíxose necesaria a dotación de material: «Necesitabamos teclados e acordeóns para as clases de música e comprámolos co diñeiro do noso peto. Facíannos falta ordenadores e portátiles para informática e mecanografía, e tamén os adquirimos. Ata fixen uns bancos para unhas mesas plegables», explica Antelo.

En crecemento

Os últimos pasos dados pola parella consistiron na apertura dun local formativo en Artes e a posta en marcha dun grupo de música, que xa realizou as súas primeiras actuacións. Pese ao diñeiro investido e ao traballo que supón esta actividade, as Aulas Ledicia manteñen o espírito benéfico dos seus comezos, sendo totalmente gratuítas: «Se sumamos as horas que os dous investimos nos tres centros durante os nove meses de curso, posto que impartimos clases de outubro a xuño, o resultado serían máis de mil, pero facémolo pola satisfacción grande que nos produce».

As clases de música, fundamentalmente as de acordeón, son o punto forte das Aulas Ledicia. De feito, contan cunha trintena de alumnos: «Constitúen un éxito porque é un instrumento que queren tocar veciños de todas as idades. Veñen desde nenos de 7 anos ata avós». De feito, os alumnos de Corrubedo, Carreira e Artes preparan o mesmo repertorio durante as clases para, en xuño e Nadal, coincidir en senllos festivais.

Ver aos ribeirenses gozar e aproveitar as clases é a gran recompensa ao esforzo realizado por esta parella: «Dámoslle moitos valor á formación, porque é unha das grandes riquezas que ten o ser humano». Por iso, o seu desexo é que as Aulas Ledicia sigan crecendo: «Gustaríame ver os centros cheos de xente, por iso pido a todos que aproveiten a oportunidade, porque é unha pena».