Un mes sobre o xeo de Siberia

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

M.MORALEJO

Chus Lago, Verónica Romero e Rocío García percorrerán os 634 quilómetros de lonxitude do xeado lago Baikal para concienciar sobre o cambio climático

23 ene 2019 . Actualizado ás 08:10 h.

Din do xélido lago Baikal que pode ser máxico, fascinante ou terrorífico. Localizado en plena Siberia, é o destino elixido pola expedición Compromiso coa terra para a terceira etapa do seu reto de 1.500 quilómetros sobre xeo, unha iniciativa na que o deporte en condicións extremas e a alerta sobre o cambio climático van da man. A experta alpinista Chus Lago é a líder dun proxecto que comezou no 2016 en Laponia, que continuou no 2017 sobre a inhóspita illa de Baffin, e que agora ten o seu destino na xeada Siberia, onde Verónica Romero e Rocío García completarán o equipo da alpinista. Será a primeira expedición feminina española en atravesar o Baikal.

«É un lugar maxestoso que encerra as súas sombras», describe Lago do que lles agarda a partir da próxima semana, cando iniciarán unha ruta que percorrerá o lago desde a punta sur á norte sobre a superficie xeada. Uns 634 quilómetros pola cara este de un lago que contén o 20 % da auga doce non conxelada do planeta, unha reserva natural inmensa, pero cargada de riscos, e que ten nalgúns puntos ata 1.600 metros de profundidade. Porque ao frío ?a previsión é que a partir do día 29 a temperatura acade os 28 graos baixo cero?, aos xélidos e peligrosísimos ventos e á esixencia dunha contorna tan hostil engadiranlle máis dificultades. Baixo o xeo existen depósitos de metano e augas termais que xeran buracos na capa do xeo sobre a que se desprazarán as deportistas, polo que deberán esquivar eses puntos conflitivos. «O grosor do xeo oscila dos 70 centímetros aos dous metros, a nós con 40 centímetros chéganos, o problema é que nas zonas con metano pode haber superficies con poucos centímetros e tapadas pola neve. Pero para iso imos con chalecos salvavidas», debulla Lago, que engade que ao temible vento sumarán o perigo de moverse por unha zona sísmica «moi activa» que podería xerar gretas.

Aprender a patinar

Percorrer os 634 quilómetros do lago máis antigo e profundo do mundo levará ao redor dun mes a Romero , García e Lago. «A idea é facer entre 25 e 30 quilómetros por día, esquivando os puntos máis problemáticos e coordinándonos moi ben. Preocúpame o xeo e a convivencia, non lle teño medo ás miñas compañeiras, senón a un mesmo. Son moitos días». Enfundarán os seus pés en crampones, patíns de xeo con dobre coitela ou esquíes en función da superficie, serán extremadamente meticulosas cos seus hábitos, controlando detalles como cando quitarse as luvas, e coidarán ao milímetro a súa alimentación, con inxestas cada hora, para garantir que o seu corpo ten enerxía. Arrastrarán trineos cuns 70 quilos de equipaxe dos que 30 son comida.

Un intensísimo adestramento ?que incluíu para Lago aprender a patinar ou subir 106 veces ao monte Aloia? e as experiencias previas aválanlles, pero son conscientes dos riscos da expedición. «Volvo porque non teño memoria, se a tivese non iría».