Caballero valida os Orzamentos a pesar de levar o AVE ao 2030

VIGO CIDADE

Óscar Vázquez

Destaca os estudos para o tramo Vigo-Ourense por Cerdedo, o túnel da A-52, a biblioteca do Estado, a humanización da Avenida de Madrid, a rehabilitación das murallas do Castro e os accesos á estación do AVE

15 ene 2019 . Actualizado ás 16:52 h.

«Os compromisos que o Goberno de España asumiu comigo cúmprense todos». Así de tallante mostrouse esta mañá o alcalde, Abel Caballero, para defender os investimentos contemplados na cidade previstas nos Orzamentos Xerais do Estado. Caballero manifestou que las contas do goberno de Pedro Sánchez respectan «escrupulosamente» o tramo do AVE entre Vigo e Ourense por Cerdedo. Adif aprobará a semana que vén o estudo de impacto ambiental por 1,5 millóns de euros. Caballero denuncia que fai cinco anos quedou detido neste trámite polo goberno de Rajoy. «Neste momento a declaración de impacto ambiental e o estudo hidrogeológico ten orzamento e vaino a aprobar Adif a semana que vén», declarou o alcalde. 

O proxecto de orzamentos prevé que a variante do tren que permite ir a Madrid sen rodear por Santiago non estea listo ata o ano 2030. Nunha reunión co ministro de Fomento no mes de outubro, Caballero deu por bos os seus plans. Ata agora, Fomento non plasmara sobre o papel os seus verdadeiros plans en ningún momento. Os orzamentos do 2019 son a primeira vez.

Outro importante investimento que recolle o programa económico son os 10,9 millóns de euros que achega Fomento a través de Adif para a construción dos accesos á estación do AVE . Ao longo do presente exercicio está previsto un desembolso de máis de catro millóns de euros para este proxecto «como está conveniado e cumprido».

Tamén se ampliará a dotación económica para as obras de humanización da Avenida de Madrid, para o que haberá que asinar un convenio novo. O rexedor socialista informou que o proxecto xa saíu da demarcación territorial de Estradas para anunciar a súa exposición pública no BOE. «Hai un millón de euros, pero este ano non gasta nada porque hai que facer a exposición pública e despois a licitación e imos redactar un novo convenio con máis dotación orzamentaria». Ademais este mes o alcalde asinará o convenio para a rehabilitación das murallas do Castro. 

Biblioteca do Estado

Abel Caballero tamén fixo referencia á Biblioteca do Estado, que mantén que «se vai facer» e para iso a administración local traballa na recualificación urbanística do terreo da rúa Lalín onde se ía construír a cidade da xustiza «porque a Xunta non nos deixou aplicar a Lei Vigo». Nun prazo de 9 meses estará aprobada a cualificación de dotacional e cultural para poder outorgar a licenza. «Durante estes nove meses o Goberno Central vai elaborar o proxecto e antes dun mes van vir os técnicos de Cultura a ver o chan e ditaminar que se vai facer aí a biblioteca que intentou paralizar Feijoo». 

Sobre o túnel da A-52 entre Vigo e O Porriño Caballero sinalou que «o compromiso era inicialo e así se vai a facer coa declaración de impacto ambiental cos recursos que hai».