Das orixes do Quiñones de León á obra de Colmeiro

La Voz

VIGO CIDADE

Óscar Vázquez

A céntrica sala de exposicións ofrece dous proxectos centrados na pintura do século XX

22 ene 2019 . Actualizado ás 18:12 h.

A Pinacoteca Fernández del Riego (Abeleira Menéndez, 8) ofrece na actualidade dúas exposicións alimentadas polos fondos do Museo Municipal Quiñones de León . Pódense ver ambas, de martes a venres, entre as 18.00 e as 21.00 horas; sábados, de 12.00 a 14.00 e de 18 a 21.00 horas; e domingos e festivos, de 12.00 a 14.00 horas.

A primeira proposta está vinculada con Manuel Colmeiro, un artista nado en Silleda que tivo a ben doar a súa obra á cidade de Vigo. Esta colección está composta polos vinte e un óleos do artista que se incorporaron no ano 2017 aos fondos artísticos municipais, xunto a 145 obras sobre papel tras a doazón efectuada pola familiar do pintor.

Nesta mostra están presentes practicamente todas as etapas do autor. Etapas que comezan co seu retorno a Galicia nos anos vinte do pasado século, época reflectida na súa obra por vistas singulares do porto vigués; a súa interpretación crítica da realidade galega nos anos trinta, en paralelo á definición do seu renovador estilo pictórico; o impacto da Guerra Civil que o une en dramatismo a predecesores como Goya ou a contemporáneos como Picasso; o seu posterior exilio parisiense; ou o seu regreso e presentación na España da segunda metade do século XX.

O motivo pictórico principal de Manuel Colmeiro é o seu país galego, que capta a través da súa xente en romarías e traballos, das súas paisaxes. Pero tamén hai outros, como os traballos de estudo, as súas incursións na mitoloxía ou os retratos. En todos estes campos de acción, a muller brilla como gran protagonista. E en todos estes ámbitos, o artista mostra a súa habilidade técnica con distintos instrumentos, desde o uso do óleo á tinta, pasando polo emprego do lapis na súa obras sobre papel.

A Pinacoteca Francisco Fernández del Riego completa a súa oferta actual cunha retrospectiva dos primeiros fondos do museo de Castrelos. Na mostra aténdese aquelas obras que corresponden á colección de arte galega adscritas na súa maioría ao denominado movemento rexionalista. Moitas delas, case descoñecidas para o público, recuperan a súa presenza expositiva no proxecto Catálogo de 1937. A Arte rexional na creación do Museo Municipal Quiñones de León.

A idea da exposición é dar a coñecer a primeira colección non só desde o punto de vista artístico, senón tamén desde unha perspectiva histórica. Faise como memoria ao esforzo que supuxo a creación do Museo Municipal Quiñones de León, unha empresa comunitaria na que se involucraron as diferentes corporacións locais, os artistas e, para subliñar, os propios cidadáns vigueses.