Cousas das folgas

Javier Romero Doniz
Javier Romero RÚA DO CHIVATAZO

VIGO CIUDAD

21 nov 2018 . Actualizado á 14:27 h.

Uns litiguentes da Coruña chegaron o luns a Vigo sen saber que o seu xuízo se había aprazado ata o 24 de xuño do 2019. Quizais aproveiten, chegada a simbólica noite e tras sete meses de espera, para cambiar as fogueiras de San Xoán de Riazor polas de Panxón. Os litigantes do norte son unha secuela anónima máis da xornada de folga convocada onte na xudicatura. O respaldo en Vigo personalizárono unha trintena de xuíces e maxistrados e tres fiscais (de 48). O parón non pasou de ser o posado tradicional para a prensa con pretensións de facerse viral na Rede. A cuestión agora é saber se valeu para algo ou foi un belisco de monxa ao Ministerio de Xustiza. De querer tensar a corda sempre se pode volver ao método aplicado polos funcionarios non fai tanto: folga indefinida e máis secuelas que aínda segue pagando a xente. Si, a xente. Logo está a ambigüidade da ministra, Dolores Delgado. No seu outra vida, que acabou o día que lle entregaron a carteira de Xustiza, era unha activa e notable representante da Asociación Progresista de Fiscais. Dábao todo pola Xustiza, sobre todo se os destinatarios das queixas e esixencias eran populares. A hemeroteca sitúaa secundando as protestas do sector contra o seu antecesor Rafael Catalá. Agora a cousa é diferente, ela é a ministra. Por iso voou a Estrasburgo o mesmo día que os seus camaradas (os do seu outra vida) volvían tomar as rúas. Posiblemente descoñeza que os litigantes da Coruña pagaron a peaxe da AP-9, ida e volta, para quedarse peor que ao empezar o día. Cunha cita para dentro de sete meses. O día de San Xoán, pero iso xa son cousas do destino e das folgas.