«Diferéncianos a creatividade»

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

Óscar Vázquez

A escola de música moderna que dirixe o guitarrista vigués David Zarandón convértese na única en Galicia que ofrece titulacións acreditadas de Trinity College e Rock School

13 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

David Zarandón (Vigo, 1981) empezou, como moitos rapaces, tocando de xeito autodidacta, soñando con converterse en lendario guitarrista de rock. Como lle gustaba tanto seguiu unha formación máis académica en centros como o Ateneo Jazz de Madrid e no Miami Jazz Guitar, pero aos poucos, os seus intereses foron cambiando e a docencia resultoulle cada vez máis apaixonante. Por iso estudou Maxisterio en Pontevedra. Así, el tamén creou escola, pero literalmente, xa que fai cinco anos puxo en marcha en Vigo a súa: DZtta Music Center. O espazo formativo non naceu como uno calquera, porque xa tiña o visto e prace da entidade británica Rock School na que Zarandón ten o máximo nivel, equivalente a unha licenciatura. Agora, ademais, conta con titulación do Trinity College of Music of London.

-Como xurdiu esta oportunidade e que cambia ou en que mellora as titulacións que ofrecen?

-Con Rock School vainos moi ben, de feito estamos entre os centros máis importantes de España, xa que somos o segundo en número de alumnos. Pero xurdiu a oportunidade de estar tamén con Trinity. O noso centro xa é coñecido e puxéronse en contacto connosco para ofrecernos esa posibilidade. Ao principio pensei en descartalo porque con Rock School estamos moi contentos, pero tras barallalo, decidimos incorporar esa oferta. Normalmente óptase só por unha porque se ve como unha cuestión de competencia. Eu non. No canto de rivalizar, é unir forzas. Imos seguir potenciando Rock School. Trinity é un complemento. En Galicia hai escolas con Rock School e outras con Trinity. Coas dúas, só nós.

-Que achega Trinity ao que xa tiñan?

-Por exemplo, a posibilidade sacarse se dúas titulacións á vez, que de cara a estudar fóra sempre dá máis puntos para entrar nalgunhas universidades. En España somos os únicos que ofrecemos esa posibilidade. Por outra banda, como Trinity ten titulacións diferentes a Rock School (aínda que outras son comúns), este ano imos introducir a opción de examinarse de violoncelo e violín, instrumento que está a ter moito tirón porque o imparte Patricia Moon, que tamén dá clases de piano.

-Que instrumentos pódense simultanear para esa titulación?

-Guitarra, baixo eléctrico, batería, teclado e voz.

-E do mesmo xeito que con Rock School, virán examinadores de Londres a Vigo?

-Si, é o mesmo método. De feito é unha das cousas que máis lles gusta aos alumnos, porque ás veces son coñecidos. Entre os últimos que viñeron estivo o batería de Sting e Stephen Gilchrist, que toca na banda de Graham Coxon, de Blur.

-Que tempo adoita investir un alumno en sacarse un título?

-Son oito niveles, pero non implica que teñas que estar oito anos. É só unha referencia porque a xente vén con obxectivos moi diversos, desde o que non ten présa ao que se dedica por completo e sácase dous cursos por ano. Hai alumnos de todas as idades. O que máis exames fixo este ano pasa dos 60. Tamén temos profesores de conservatorio e alumnos que remataron a carreira de música. É bastante habitual, sobre todo en formación vocal.

-Ademais de contidos, que lles diferencia máis dos conservatorios?

-A creatividade. No ámbito da música moderna o obxectivo é formar parte dunha banda, ser compositor...., e nos conservatorios, aínda que eles dirán que non, o propósito central é interpretar pezas doutros. Por iso nós potenciamos o estudo da harmonía.

«Gústame tocar pero encántame ensinar. Síntome máis profesor»

Aínda que Rock School, organización examinadora establecida no Reino Unido desde 1991, está presente en 40 países, o seu director internacional, John Simpson, acudiu á de Vigo este verán co gallo da participación do centro nunha das actividades formativas do SeaFest, algo que congratula especialmente ao vigués, que recalca a importancia da tarefa educativa que desenvolven.

-Non chega con ser bo músico, non?

-Exacto, iso é unha parte pero hai que saber ensinar, coñecer a didáctica e seguir a programación. Os nosos profes teñen currículos destacados nos só por tocar senón por ter titulacións oficiais. A profesora de voz, Sabela Cereijo, facía musicais con Nacho Cano pero estudou canto. Patricia Moon, por exemplo, foi bolseira en Berkeley, que é das mellores do mundo. Todos seguimos unha formación continua. Este ano o profesor de baixo fixo o curso de ukelele e a min tamén me gustaría. Este ano empezamos clases de iniciación para nenos de 4 a 6 anos e o ukelele é ideal para iso.

-A súa afección a tocar deixouna atrás polo ensino?

-Non, aínda que me sinto máis profesor. Gústame tocar pero encántame ensinar. E estiven en bandas de rock duro, pero o meu estilo musical abarca moito máis que iso. De feito, agora estou con Patricia Moon, que me volveu rescatar para o directo. É máis, a súa banda actual está formada por boa parte dos profes da academia.

-Hai algunha materia que non requira saber tocar?

-Pois si. Temos a primeira titulación oficial do mundo en produción musical, que ofrece desde o ano pasado Rock School. O enxeñeiro de son Pancho Suárez de Lis é o mestre.