«A miña idea é dar un paso adiante e chamar á porta das medallas»

Xosé Ramón Castro
X. R. Castro VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

M.MORALEJO

O vigués asume o cargo de seleccionador co reto de sumar o primeiro metal a nivel internacional

17 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Jorge Méndez (Vigo, 1972) dá un paso máis na súa carreira co nomeamento de seleccionador nacional de ximnasia acrobática. E o seu reto para os dous próximos anos é conseguir a primeira medalla para a acrobacia española. Méndez considera o seu nomeamento un recoñecemento ao traballo do Flic Flac, o club que creou hai 15 anos e que desde o 2009 conta con ximnastas internacionais dun modo continuado. O vigués compatibilizará a partir de agora o cargo de seleccionador e o de adestrador e máximo responsable na entidade viguesa.

-Que supón para vostede o nomeamento a nivel persoal?

-De entrada non mo agardaba a curto prazo. Sabía que era posible pero que chegaría máis adiante, cando sexa maior, pero agora que chegou asúmoo con moitísima ilusión, é ao máximo que podemos aspirar en España.

-Cal vai ser o seu labor?

-Vou dirixir o grupo de adestradores que hai en España, porque isto non é unha concentración permanente, senón que se establecen uns criterios, fanse unhas concentracións e logo imos a campionatos.

-Con que ideas chega ao novo cargo?

-A miña idea é dar un paso adiante coa selección. Conseguimos entrar con certa regularidade nas finais, onde están os oito mellores, e eu quero chamar á porta das medallas, que caia a primeira internacional, mínimo.

-Pero iso son palabras maiores.

-Iso é algo superlativo porque hai equipos como Rusia e os seus países próximos ou Inglaterra, Bélxica, pero nós temos que intentalo. A idea é que o equipo nacional, o que saia a competir, sexa de moi alto nivel.

-Cantas licenzas ten o seu deporte en España?

-Unhas 2.000, pero en España xa somos a terceira disciplina da ximnasia porque no campionato de España xa somos máis que a artística masculina, máis que trampolín e máis que aeróbic.

-Que papel xoga a acrobática dentro do espectro da ximnasia española?

-Xoga que somos os últimos en chegar e somos unha modalidade non olímpica pero Carballo, o presidente, aposta por nós, vainos ir dando segundo vaiamos demostrando e xa lle dixen que imos demostrar, que está aberto porque imos con todo. A persoa que ve ou practica a acrobática queda namorado. A nivel televisivo é unha modalidade espectacular.

-O nomeamento afecta algo a nivel do club?

-Non, é un complemento. Coa selección faremos dúas ou tres concentracións por ano e logo iremos aos campionatos, ademais de manter contacto directo cos adestradores. Tamén vou ir aos campionatos autonómicos, o que me interesa é velos competir. A primeira gran competición vai ser o campionato de Europa no mes de outubro do 2019. Temos un ano e será moi importante o campionato de España dese ano.

-A designación pode considerarse un recoñecemento ao traballo no Flic Flac ao longo destes anos?

-Absolutamente. Somos o único equipo que ten internacionais de forma consecutiva desde o 2009 e algo pesará.

-En que momento está a acrobática?

-Nun momento doce, estamos a piques de estalar, a piques de dar un salto de calidade importantísimo. Xa levamos anos con adestradores e ximnastas saíndo ao exterior a aprender, traemos ximnastas de fóra. Hai países que levan 80 anos facendo acrobática e a primeira competición en España foi no 2004.

-Parece que o crecemento foi moi rápido.

-Hai países que se estrañan, porque hai nacións como Suíza que levan moito máis tempo e nós temos mellores resultados. Hai países que están alucinados porque imos pola dereita adiantándolles.

-E cal é o segredo?

-Creo que en España hai moi bo deporte en xeral e estamos acostumados gañar cousas. Está no noso ADN. Somos moi ambiciosos e os adestrados moi frikis, capaces de irnos a cama co código de puntuación para ver como se poden conseguir máis puntos antes de durmir ou pasarse un domingo pola tarde vendo a Copa de Bélxica por pór un exemplo.

-Algún cambio na formación de adestradores?

-Temos un decreto que regula a formación deportiva e por ese camiño imos seguir pero ademais nós temos moita xente doutras provincias que veñen a Vigo aprender connosco. Queremos que haxa máis técnicos e que a nosa idea se vaia expandindo.

-Hai boa materia prima?

-Sen dúbida. Creo que o día que a ximnasia rítmica mire para a acrobática e comece a compatibilizalo, ese día seremos imparables.

-Que é a acrobática?

-Para min é a ximnasia máis completa. É o sinónimo perfecto de espectáculo.

-Cúmprese un dos soños daquel rapaz que comezou a facer flic flacs?

-Si, pero eu sempre estou a soñar, isto non se acaba aquí. Agora o que quero é que España teña a primeira medalla internacional da historia, quero que o Flic Flac teña mil ximnastas, contar cunha instalación profesional, quero facer un grupo profesional de espectáculo de show, quero facer ximnasia con pequenos... Son unha fonte inesgotable de ideas.