Afundación prepara novos cursos sobre a cultura do viño

La Voz

VIGO CIDADE

Álvaro Ballesteros

Xoán Cannas, do Instituto Galego do Viño, coordina os tres niveles de instrución

14 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Afundación abre o prazo de inscrición para participar no seu novo programa de viño, que está coordinado polo catador e director do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas. A proposta ofrece catro modalidades: unha certificación de nivel básico, dirixida a amantes e afeccionados da cultura vitivinícola que busquen un primeiro achegamento ao mundo do viño, e tres de nivel avanzado para profesionais do sector. Os cursos iniciaranse o próximo mes de setembro e finalizarán en maio de 2019 nas Sedes Afundación de Pontevedra, Ourense, Ferrol, Lugo, Santiago, Vigo e A Coruña. As inscricións poden realizarse a través das canles habituais de venda de Afundación, en Ataquilla.com, a través do teléfono 902 504 500 e nos despachos de billetes das sedes da entidade.

O obxectivo do programa é achegar aos amantes do viño aos conceptos necesarios para a súa interpretación e goce, ademais de desenvolver as súas capacidades de cata. «Estes certificados son o mellor xeito de que afeccionados e profesionais poidan achegarse á cultura do viño de forma sinxela, gozando e aprendendo ao mesmo tempo», sinala Xoán Cannas.

No nivel I, os participantes achegaranse ao sector vitivinícola a través de dez conceptos elementais que todo amante do viño debe coñecer. Así, nunha primeira aproximación teórica estudarán as variedades de uva, os climas, os chans, as diferentes formas de cultivar e elaborar o viño, o traballo en adega, a maridaxe ou o mercado e as novas tendencias, para ampliar a súa cultura vitivinícola e desenvolver a memoria sensorial e aplicalo posteriormente ao coñecemento práctico, a través de catas, dos viños elaborados en Galicia.

No nivel II, ao que poderán acceder os afeccionados e profesionais que teñan cursado o nivel básico ou teñan formación previa neste campo, os participantes estudarán, xa en profundidade, as técnicas de viticultura e enoloxía, iniciaranse na xeografía vitivinícola da península ibérica e desenvolverán as habilidades de cata, con viños das diferentes zonas de España e Portugal.

Nesta edición incorpórase un novo curso de nivel III, que se impartirá unicamente en Santiago e Vigo e está dirixido a afeccionados e profesionais que teñan obtido a certificación de nivel II ou acrediten os seus coñecementos mediante un título equivalente ou experiencia profesional no sector.

Os participantes profundarán no coñecemento da cultura do viño e desenvolverán as súas habilidades de cata a través da análise de variedades de uva internacionais, os métodos de elaboración e o inicio á xeografía vitivinícola a través das zonas europeas máis emblemáticas, como Francia, Italia e Alemaña.