En camiño un equipo feminino galego

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VIGO CIDADE

MONICA IRAGO

Dúas viguesas impulsan cun grupo de 27 corredoras unha escuadra pioneira

13 ago 2018 . Actualizado ás 12:24 h.

«Fai tres anos empecei a saír en bicicleta cuns amigos, homes, que xa o facían antes. Moitas veces tiña a sensación de que os estaba atrasando, que me tiñan que agardar; gustoume ter podido empezar saíndo con xente do meu nivel, para non ter que ir tan forzada». Elena Martín Gil (Vigo, 1986) lembra os condicionantes cos que tivo que lidar ao dar os seus primeiros pasos no deporte que hoxe a apaixona. Descubrir no boca a boca que o seu non é un recordo único, senón o sentir compartido pola inmensa maioría das ciclistas galegas que empezan a poboar en número crecente as estradas da comunidade, é o que acabou desembocando onte na Illa na decisión de algo máis de dúas ducias de mulleres de constituír o primeiro club ciclista exclusivamente feminino de Galicia. Un primeiro paso que se materializará nos próximos meses unha vez completen o papelorio correspondente para rexistrar unha entidade con ánimo competitivo, pero tamén social, ambos confluíndo no obxectivo primeiro do futuro club: «Promover o ciclismo entre as mulleres, e que as ciclistas non se sintan soas».

As 27 pioneiras, hoxe en diferentes clubs, citáronse onte ás nove e media da mañá no porto da Illa para gozar dunha marcha cicloturista de 80 quilómetros con ida e volta a Sanxenxo. Cunha comida de traballo agardándoas en meta, á que chegaban coas ideas claras. Ata o punto de ter elixido xa nos días anteriores por votación telemática entre as propostas das integrantes do colectivo o nome da súa próxima creación: Céltigas Club Ciclista Feminino. Un nome polisémico, que «inclúe Celta , pola historia de Galicia, e gas, pola expresión ciclista, ‘¡Dálle gas!', e xuntos forman en feminino plural», explica Aída García, santanderina afincada en Vilagarcía desde hai unha década, e figura emerxente no tríatlon e dúatlon, nos que é, entre outros, vixente campioa de España da modalidade de cros na súa categoría de idade, 40-44. Ela é hoxe una das voces fortes do protoclub, e organizadora da cuarta quedada en dez meses do grupo de mulleres ciclistas galegas xurdido dun par de copos convertidos a velocidade de vertixe nunha gran e imparable bóla de neve.

«No ciclismo en Galicia somos poucas mozas, cada vez máis, pero somos poucas. As mozas normalmente anímanse a empezar polas súas parellas, e ao final sempre acabamos saíndo coa bici con mozos. Pero as mulleres e os homes somos fisicamente diferentes, e polo xeral, a unha muller que está a empezar cústalle seguir o ritmo dun home». Esta foi unha das reflexións que Elena Martín compartiu con outra viguesa, neste caso de adopción, Lidia Adelyn, cando o ano pasado coñecéronse a través dunha aplicación especializada para ciclistas. Martín e a integrante das seleccións británicas de dúatlon e tríatlon do seu grupo de idade dixéronse un día «por que non intentamos buscar máis mozas para facer unha ruta e coñecernos? Puxemos unha data, o 11 de novembro do 2017, e unha ruta, Samil-A Groba-Samil, e comezamos a contactar con xente a través da aplicación. Pensabamos que ían vir 5 ó 6. E cal foi nosa sorpresa, que nos xuntamos 33». Hoxe son 85 as integrantes do grupo de whattsapp -acaban de abrir conta en Facebook e Instagram- co que tenderon a súa rede, con corredoras federadas e de primeiro nivel, como Mar Delgado presente no Mundial de orientación de bici.

«Eu vou como tola cada vez que vexo a unha ciclista pola estrada para contarlles o que estamos a facer. Todas se alegran, dinme ‘¡Ai! ¡Que ben! ¡Por fin!. Habemos visto que hai unha necesidade. A acollida está a ser moi boa», explica Elena Martín. E é que o Céltigas C.C.F. constituirase, apunta, cunha dobre vertente: «Competitiva, cun equipo federado» con vistas ao 2019 que, ademais, engade Aída García, «traballe por conseguir que haxa en Galicia máis competicións femininas, que non se poña a correr ás nenas cos nenos ou directamente que non corran»; e un compoñente social, «para quen queira pertencer a un club, pero non competir», di a viguesa.