Falta coordinación contra a velutina

Pedro rodríguez villar VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

M.Moralejo

En concellos como Vigo e Mos hai ata dous dispositivos de extracción de niños sen ningunha colaboración entre eles; nalgúns casos, os dous equipos acoden a destruír a mesma colmea

28 ago 2018 . Actualizado ás 13:47 h.

A avespa velutina xa é mortal en Galicia. Hai só uns días un veciño do Porriño falecía por mor das picaduras do insecto mentres limpaba a súa leira. É o segundo falecido por mor dun ataque neste mes na comunidade. A pesar de que a invasión da velutina xa se cobra vidas, non existe unha estratexia xeral eficaz a nivel galego que loite contra a invasión deste insecto. A Xunta lanzou un plan de actuación en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), pero hai entidades que non están dentro dos convenios deste proxecto.

A loita contra a velutina cambia en cada concello. A Consellería de Medio Rural clasifica aos municipios de tres xeitos distintos dependendo dos convenios que teñan asinados coa entidade autonómica. Están os que forman parte do plan da Xunta considerados «concellos colaboradores», os que ten un grupo de urxencias supramunicipais (GES) e os municipios fose do convenio, clasificados pola Xunta como lugares de competencia de Medio Rural.

Nos concellos que non asinaron o convenio coa Xunta existe un problema de competencias. Por exemplo, en Vigo é o servizo de bombeiros o encargado de destruír os niños co material outorgado polo concello para a loita contra a velutina. Os bombeiros da cidade contan que «reciben os avisos a través da Policía Nacional ou da Local» antes de realizar unha intervención. En cambio, para a Xunta a loita contra a avespa asiática en Vigo corre a cargo de Medio Rural que actúa a través da empresa pública Tragsatec.

En resumo, en Vigo hai dous números para avisar dun niño de velutina; o 012 e o 112. Se se chama ao primeiro o aviso vai directo á Xunta que actuará a través da empresa pública, mentres que se se chama ao segundo os que quitarán a colmea serán os bombeiros de Vigo. Déronse casos na cidade de que os dous equipos han ir a destruír o mesmo niño porque os veciños chaman ás dous números. Os bombeiros «recoñecen que non hai coordinación entre eles», e que o único que desenvolveron é unha forma de avisar de que o niño está eliminado ao outro grupo con «unha marca de pintura na zona». O mesmo ocorre en Mos segundo o membro do servizo de urxencias municipal, Rodrigo Iglesias , pois «o primeiro en chegar é o que elimina a colmea». Así está a situación: concellos sen recursos e outros desorganizados.

Tamén no Porriño, a localidade onde faleceu un home por picaduras de velutina, ocorre algo similar aínda que os bombeiros do municipio indican «que só actúan en colmeas preto de zonas infantís e vivendas», explican que os outros avisos os remiten de novo ao 112 para «que outro equipo se encargue».

Nos concellos que contan con grupo de urxencias supramunicipais, son estes os encargados da loita contra a velutina. Só cinco municipios do sur de Pontevedra contan con estes equipos: Nigrán, Baiona, Gondomar (teñen un compartido para todo O Val Miñor), A Guarda e Ponteareas. Están formados por doce profesionais que deben estar preparados para afrontar todas as urxencias nas súas zonas de actuación, velutina incluída.

No GES do Val Miñor contan con «tres traxes especializados e unha pértega cedida pola Xunta». Reciben todos os avisos de colmeas na zona a través das chamadas ao 012 aínda que non sempre poden responder inmediatamente ao aviso. Un dos membros do equipo explica que: «Só somos doce e temos que atender a máis cousas», máis aínda durante o verán onde «o prioritario é atender aos incendios forestais» . Desde o GES creen que sería máis eficaz que «só fósemos un servizo de urxencias e outro grupo dedicásese a loitar contra a velutina», explican que non «son os suficientes para combatelo» e que nun día «tranquilo podemos cubrir oito colmeas pero hai outros en que ningunha». O equipo de urxencias da Guarda tamén está «un pouco desbordado», explican que o seu persoal é axustada e a atención que teñen que dar a outras urxencias provoca que «algunha intervención en colmeas teña que agardar», recoñecen que na Guarda sería posible que «ocorrese algunha desgraza como no Porriño porque hai moita zona rural na que non podemos traballar».

Á maioría de concellos colaboradores entregóuselle un material para a loita contra a avespa: dous traxes equipados, unha pértega (instrumento necesario para actuar en altura), veleno para as colmeas e trampas para capturar raíñas na tempada de primavera. A loita contra a velutina nestes municipios corre a cargo de empregados do Concello ou de voluntarios de Protección Civil. O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias , conta que nestes meses «non damos feito con todos vos avisos». Recibiron todo o material da Xunta pero non teñen o persoal suficiente para levar a cabo unha loita estrutural contra a avespa.

En Tomiño os encargados de loitar contra a velutina son os voluntarios de Protección Civil. O seu responsable no municipio, Francisco Bouzo, explica recibiron alertas de colmeas este verán pero por agora «está todo controlado», aínda que Bouzo lembra que non son os suficientes e avisa que se hai «tantos niños como o ano pasado poden volver estar desbordados».