Os obxectivos do Sergas: 80 días de media para operarse no Chuvi e 76 en Povisa

VIGO CIDADE

M.MORALEJO

Os hospitais públicos acabaron o ano pasado en 89 e Povisa, en 77

18 jul 2018 . Actualizado ás 16:17 h.

As listas de espera son o gran cabalo de batalla da sanidade pública. A todo o mundo lle parece urxente calquera problema de saúde no que sexa o protagonista; o Sergas ten que procurar priorizar os problemas para atendelos todos pero abordar antes os máis importantes. Cada ano, cada área sanitaria pacta coa dirección do Sergas uns obxectivos. Son os chamados Acordos de Xestión. Este é o primeiro ano no que o Servizo Galego de Saúde empeza a apertar as caravillas aos hospitais públicos de Vigo cun obxectivo moito menor que o ano anterior, unha vez que a posta en marcha do Cunqueiro pasou á historia.

O Sergas estableceu que para finais de ano a media de espera para cada operación no Chuvi non pode superar os 80 días. O ano 2017 rematou con 7.342 persoas agardando unha operación no Cunqueiro e no Meixoeiro e cada cirurxía tardaba unha media de 89 días. Foi a primeira vez despois de abrir o novo hospital que se baixaba de tres meses. Ese era precisamente o obxectivo do ano. Xa fora o do ano anterior e non se conseguiu cumprir, pero no 2017 si se acadou.

Para este ano, son 80 días, o cal quere dicir que os hospitais teñen que reducir un 10 % o seu tempo de espera en doce meses. Para xullo -os resultados oficiais presentaranse esta semana- o obxectivo é de 85 días.

Pero as listas de espera son medias, operacións, pura estatística, e iso significa que se a espera media é de tres meses, cando unha persoa ten unha enfermidade grave e opérana de xeito case instantáneo, hai outra que agarda medio ano. Despois existen casos como o de José, que ao non estar dentro da lista de espera oficial, senón na non estrutural por ter rexeitado a derivación a un centro concertado, non contan nos números oficiais.

Para Povisa tamén hai obxectivos, desde que a finais do 2014 entrou en vigor o novo concerto co Sergas. Naqueles primeiros meses de vixencia, a administración sanitaria fixou un máximo de 175 días para operarse. Para este ano, a Povisa marcóuselle o obxectivo de acabar o ano por baixo dos 76 días. O ano 2017 rematou cunha media de 77, de modo que non debería ter problemas para cumprir o obxectivo.