«Peter Pan» tamén voará sobre Vigo

La Voz

VIGO CIDADE

cedida

Silvia Villaú fai o papel de Peter Pan nesta produción de Theatre Properties que chega a Vigo o venres

16 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Venres, 20 • Teatros Afundación • Entradas en Oferplan con Oferplan con 34 % de desconto • Afundación, a Obra Social de ABANCA, albergará nas cidades de Vigo e Pontevedra o espectáculo Peter Pan, o musical. Poderase ver o vindeiro venres, 20 de xullo no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) e o sábado 21 de xullo no Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra (Augusto González Bicada, 2), en ambos os casos a partir das 20.00 h. As entradas pódense adquirir na web Ataquilla.com. Peter Pan é un dos musicais máis aclamados das últimas décadas que chega a Galicia despois de triunfar no Garrick Theatre. Unha produción familiar de gran formato que cativou a máis de 4 millóns de espectadores con máis de 4500 representacións e gran éxito de público e crítica. Segundo The Times, «Peter Pan atópase no top 5 dos mellores musicais de Londres». Narra as aventuras dun neno que non quere crecer e que cre profundamente nas fadas. A quen non lle gustaría nalgún momento da súa vida volver ser un neno? J. M. Barrie, dramaturgo e novelista escocés cuxas obras poñen de manifesto o seu particular e irónico sentido da vida como aventura romántica, escribiu esta máxica historia. Barrie naceu en Kirriemuir e estudou na Universidade de Edimburgo. En 1885 foise vivir a Londres e escribiu para a St James's Gazette e outras moitas revistas. «O noso Peter Pan é unha reprodución moi fiel da historia orixinal de J. M. Barrie, quen intentou inculcar valores familiares, maternais, de amizade e de amor na súa obra. Por iso na nosa versión non se escatiman esforzos na posta en escena, cunha diversidade de actores, cantantes, bailaríns, acróbatas e especialistas que darán vida a todos os personaxes», contan na produtora española Theatre Properties, creada por Tomás Padilla co entusiasmo de levar ao público todo un abano de espectáculos, de creación propia e franquiciados, deseñados para facer gozar a todo tipo de espectadores.