«A historia nunca é local»

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

Óscar Vázquez

O xornalista Jorge Lamas recolle en «Historias de Vigo» crónicas singulares sobre o pasado da cidade

17 may 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Jorge Lamas (Vigo, 1962) é un deses xornalistas que non abondan. No seu peto leva, sen que haxa pelexas de obxectos, un USB con gravadora, un caderno e un boli. E cando vai ao Arquivo Municipal saca a lupa da mochila. Porque para saber todo o que el sabe non chega con buscar en Internet. Antes diso alguén ten que queimar pestanas pescando datos entre os documentos que fan a historia. Froito desde traballo, pero pasado pola contemporaneidade e a frescura da linguaxe xornalística, é Historias de Vigo. O libro editado por Xerais xa está nas librerías e o autor presentarao en Librouro o venres, 8 de xuño, ás 20.00 horas.

-Seica temos máis historia da que cremos?

-A ausencia de historia case chegou a constituírse nun tópico da cidade, pero non é certo. Cada vez que se move unha baldosa en Vigo aparecen pegadas do pasado. A este intenso labor arqueolóxico úneselle a gran produción bibliográfica que se está a levar a cabo nos últimos anos. Neste eido, o papel do Instituto de Estudos Vigueses ten sido fundamental para animar á investigación.

-Como naceu este proxecto que rematou en libro? Pregúntollo porque segue tendo vida propia en Internet, non si?

-Así é. O proxecto naceu nas páxinas de La Voz de Galicia, naquela sección titulada Eran outros tempos. Despois buscou acubillo en Internet. O blog Do Berbés cara arriba ofrece todas as semanas unha nova entrada vencellada á historia de Vigo. E xa van 381. A partir desa base, coa axuda de Xosé Manuel Moo, o editor deste libro, fomos conformando un percorrido de máis de douscentos mil anos.

-Que atopará o lector en «Historias de Vigo», que tipo de historias?

-O libro está estruturado en catro áreas. Quixen ao principio centrarme no imaxinario colectivo, construído a base de símbolos e elementos que transcenden o material, como o feito de que lle sigamos chamando colexiata á concatedral cando hai máis de cen anos que non o é. Séguelle unha breve aproximación xeográfica, pero tomada non dun xeito convencional. Por exemplo, un deses capítulos conta como a cidade medrou a expensas de roubarlle ao mar. Despois vén o propio transcorrer histórico. Neste aspecto, o particular adquire o protagonismo suficiente para trazar ese percorrido. Finalmente, permitinme a licenza de escoller algúns persoeiros importantes.

-Sen facer «spoiler», conte un exemplo dalgunha desas historias que a maioría de vigueses descoñecen.

-A min gústame moito unha que aconteceu pouco antes de comezar a Primeira Guerra Mundial. Na ría, fondeaban habitualmente as frotas de guerra do Reino Unido e Alemaña. Nunha ocasión coincidiron ambas. Os carteiros dos barcos víanse a diario na sede do cable e, co tempo, acabaron facéndose amigos, e ían tomar os viños polos arredores do Príncipe antes de regresar aos barcos. De feito, acudiron á casa de fotografía de Pacheco e posaron todos xuntos. O destino quixo que durante a guerra algúns deles se enfrontasen nas batallas navais que tiveron lugar no Atlántico. É probable que se matasen entre eles.

-É unha obra que só pode interesar aos de Vigo ou ten conexión con outras historias que poden ser igual de atractivas para lectores con curiosidade?

-A historia nunca é local. Vigo, ademais, pola súa posición xeográfica, está continuamente vivindo acontecementos internacionais ao longo de toda a súa historia. Por exemplo, Vigo e Tenerife son as únicas cidades españolas que aparecen no Tratado de Versalles. Ou, noutro capítulo, séguense as peripecias dun terzo de infantería da zona nos conflitos europeos do século XVII. A finais do século XIX, toda a información internacional entra en España a través do Cable Inglés que ten a súa sede na nosa cidade.

«Os vigueses amósanse teimudos e inconformistas»

Unha das teimas de Lamas á hora de presentar o proxecto editorial era lograr o equilibrio entre o rigor e a amenidade.

-Proba conseguida?

­-Penso que si. Unha das premisas do libro era divulgar a nosa historia dun xeito que puidese interesarlle a calquera. Non se trata dun libro académico, senón de divulgación histórica. De feito, emprego diferentes estilos, como a entrevista, a narración novelesca ou a reportaxe xornalística. Pretendo chegar a todo o mundo, pero especialmente a quen lle custa máis afrontar un libro de historia. Por outra banda, o rigor é punto de partida.

-No desenvolvemento do proxecto aprecia algunha característica do devir vigués que lle pareza singular, única?

-Os vigueses, ao longo da historia, amósanse teimudos e inconformistas. A pesar de que teñen continuas trabas burocráticas, os vigueses tratan de saír adiante. Por exemplo, Vigo non aparece na documentación de época romana, pero polos traballos arqueolóxicos sabemos que foi un punto industrial importante cun porto que tiña conexións co Mediterráneo. É un pouco o que lle pasa hoxe en día: administrativamente case non conta, pero a realidade poboacional e económica é outra distinta.

-Por certo, é fiel a cidade de Vigo?

-É unha das cuestións incluídas na primeira parte do libro. Aínda que neste traballo deixo aberta a definición do tema á aparición de futura documentación, as últimas indagacións lévanme a pensar que Vigo foi legalmente fiel só uns meses en 1810, pero despois ese adxectivo foi cambiado polo de valorosa. Alguén, a partir dos anos 30 do século XIX, considerou que debería incorporarse ao lema da cidade, e aí segue, pero sen base legal histórica.

Noticias de hoxe. Jorge Lamas comezou facendo radio e forma parte da sección de Cultura e Sociedade de La Voz de Galicia. Traballa na delegación de Vigo.

Noticias de onte. O xornalista vigués é licenciado en Historia pola Universidade de Santiago.