«Fabricar o C4 Picasso representou unha verdadeira revolución industrial»

L.C. Llera VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

Cedida

Pedro María Rodríguez, director de Recursos Humanos de PSA Vigo, agarda que os novos modelos permitan bater o rexistro histórico que tivo a planta fai dez anos

30 oct 2017 . Actualizado ás 23:47 h.

A automoción é un dos grandes motores que impulsa a economía de Vigo e a súa área. Fai dez anos, a planta de PSA en Balaídos bateu a súa marca histórica de produción: 547.000 coches fabricados. Pedro María Rodríguez, director de Recursos Humanos da factoría, lembra aqueles momentos con moita satisfacción. «Acababamos de lanzar o Citroën Grand C4 Picasso e Citroën C4 Picasso a finais do 2006 e o 2007 foi o primeiro ano de plena produción destes vehículos. Fabricalos representou para nós unha verdadeira revolución industrial xa que integraban un nivel tecnolóxico nas súas prestacións ata o momento nunca vistas nesta planta. Todo o equipo respondeu a este reto de forma extraordinaria», explica.

Ese ano foi extraordinario. O 3 de xaneiro, La Voz de Galicia destacaba que a marca Citroën era, por primeira vez, a máis vendida en España e que se aceleraba a produción «ata acadar os 2.300 coches diarios». A empresa tivo que facer fronte tamén a unha gran demanda das furgonetas Berlingo e Partner, que supuxeron outras 250.000 unidades. Tamén se seguía producindo o Xsara Picasso, un modelo moi innovador do que se entregaron 80.000 monovolumes. Entón era un segmento novo con escasa competencia «e non sabiamos o éxito que podía ter no mercado, pero a realidade superou nosas melloras previsións».

No 2007, a factoría implantou outra forma de traballar: o lean manufactoring. O seu obxectivo era optimizar os procesos traballando en equipo sobre o terreo e con melloras continuas. Toda a organización se mobilizou para incorporar esa filosofía. «O resultado témolo aí. Co paso dos anos esta planta reforzou a súa posición competitiva», subliña Pedro Rodríguez.

Naquela época este directivo era o responsable de Xestión de Persoal Operario. Manexar a tantas persoas era complexo porque calquera variable se multiplica de forma exponencial. «Con todo, non lembro aqueles anos como algo duro, senón todo o contrario», di. Os directivos vían que os coches que se fabricaban en Vigo daban cada vez máis alegrías e o tecido empresarial da comarca consolidábase.

Igualdade

En 1997 púxose en marcha a quenda de noite e dez anos despois apostaron pola contratación de mulleres, a igualdade de oportunidades e o compromiso de responsabilidade social corporativa, «que tanto coidamos todos estes anos». Así, a presenza feminina no persoal experimentou un salto cualitativo: en 1996 non chegaban a un 3 %, mentres que no 2007 xa eran o 15 % e hoxe día acadan o 21 %.

Nos últimos anos a automatización de procesos ha ir en aumento e mellorou as condicións dos postos de traballo con manipuladores, cambios na altimetría do vehículo ou tapices embarcados, máquinas de aperte. «Vigo apostou sempre pola innovación», afirma Rodríguez. «Talvez, con cada novo proxecto as innovacións son cada vez máis rechamantes. Agora estámonos acostumado ver pola fábrica os AGV (Automatic Guide Vehicles ou ou carros filoguiados), que transportan ata a liña os kits de pezas para cada vehículo ou os robots colaborativos, que se implantan xusto ao lado das persoas, sen riscos para elas». E nese mundo das innovacións tecnolóxicas, o directivo cita os coches autónomos: «Seguimos sorprendéndonos, pero ese futuro xa está aquí».

O responsable dos Recursos Humanos de PSA Vigo destaca que no grupo é importante favorecer o desenvolvemento persoal e profesional de todos cun bo ambiente de traballo. En calquera caso, a boa marcha da fábrica de Balaídos non fose posible sen a colaboración das administracións para, por exemplo, a ligazón coa VG-20 e o parque tecnolóxico e loxístico de Valladares, onde enseguida se implantaron firmas auxiliares.

Agora, a factoría atópase noutro momento histórico cos lanzamentos da K-9 e a V-20. Rodríguez confía en que permitan «superar o reto histórico de produción nos próximos anos».