Vigo superou as 13.800 doazóns de sangue o ano pasado, seis puntos por encima da media galega

A unidade móbil estará hoxe na entrada principal do Hospital Álvaro Cunqueiro

.

vigo / a voz

Vigo é unha cidade solidaria. Dino as cifras de doazóns de sangue. O pasado anos situouse como a urbe galega con maior número de doazóns de sangue ao alcanzar a cifra de 13.850. Ademais, Vigo rexistrou un incremento do 8,5 % no volume de doazóns de sangue no pasado exercicio e situouse nunha taxa de 47 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Este índice supera en seis puntos a media de doazón de Galicia, dato que reflicte o carácter solidario e xeneroso de todos os vigueses.

 Campaña no Cunqueiro

Neste marco, o hospital Álvaro Cunqueiro, en colaboración coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) de Galicia, levará a cabo hoxe luns a primeira campaña de doazón de sangue no recinto hospitalario. Na mesma poderán participar tanto os profesionais que o desexen como os propios usuarios ou visitantes do hospital vigués.

Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue desprazarase ao longo da xornada deste luns ata a entrada principal do hospital para atender, en horario de 9.30 ás 14.30 horas, a todos os cidadáns que desexen participar.

ADOS e a Xerencia do Chuvi queren facilitar o acceso dos profesionais do centro sanitario, colectivo que ten plena consciencia da necesidade das doazóns de sangue para desenvolver adecuadamente o seu labor e que mostran, diariamente, o seu compromiso e bo facer no sistema público de saúde de Galicia.

A Xerencia do Chuvi pretende que esta colaboración con ADOS para que os profesionais e usuarios poidan doar sangue no recinto do hospital, sexa a primeira dunha longa serie de actuacións conxuntas para conseguir o maior número de doazóns posible.

Desde a súa apertura, o Chuvi acolleu numerosas iniciativas destinadas a sensibilizar á cidadanía e promover os distintos xeitos de doazón altruísta que son posibles dentro do sistema público de saúde de Galicia.

Votación
0 votos
Comentarios

Vigo superou as 13.800 doazóns de sangue o ano pasado, seis puntos por encima da media galega