«Co Marco, a xente incrementou o seu orgullo de pertenza á cidade»

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

BENITO ORDOÑEZ

A súa primeira directora, Carlota Álvarez Basso, desvela os convulsos inicios do centro expositivo, cuxa apertura coincidiu co afundimento do «Prestige»

26 sep 2017 . Actualizado ás 23:13 h.

O 13 de novembro do 2002, mentres o Prestige se ía a pique deixando un ronsel de negra desolación pegada á pel de todos os galegos, Vigo vivía no medio daquela tristeza uno dos días máis prometedores e agardados pola cidade: o nacemento do Marco. Catro anos despois da aprobación do proxecto dos arquitectos Fraga, Quijada e Portolés, o edificio da rúa do Príncipe que fora cárcere e palacio xudicial renacía como museo de arte contemporánea.

Os seus primeiros pasos os guio con certeira eficacia a viguesa Carlota Álvarez Basso. Chegaba curtida do Centro Reina Sofía de Madrid e encarrilouno de tal xeito que non necesitou moito tempo para situalo entre os máis destacados do país. No 2005 deixou a dirección e deu a substitución a Iñaki Martínez Antelo, membro do seu equipo de confianza.

A edición de Vigo de La Voz dedicou a súa portada e unha dobre páxina a aquel acontecemento. Álvarez Basso lembra a inauguración, por varios motivos, como «unha noite inesquecible» na que se mesturaba un ambiente de dobre tormenta (a que traía vento e choiva por milleiros) e a política. «Foi a culminación dunha esixencia social dos cidadáns e dun traballo colectivo de ano e medio, polo que o nivel de responsabilidade que tiña era moi alto», indica.

A primeira directora do Marco, que desde o 2013 está á fronte do centro de creación artística Matadoiro Madrid, lembra aqueles tres anos como «unha época moi feliz por estar a traballar na miña cidade, da que saíra aos 17 anos para estudar, coa miña familia preto, e porque a cidadanía recibiu o proxecto con entusiasmo. Felicitábanme pola rúa», di, aínda sorprendida.

La Voz volvía facer un despregamento cando, un mes despois da apertura, o entón príncipe Felipe presidía a inauguración oficial, coa ausencia do presidente da Xunta, Manuel Fraga. O acto tivo lugar «no medio dunha marea de protestas», sinalaba o xornal, en referencia á crise do Prestige. Xa non chovía, pero as críticas caían como chuzos de punta.

Co tempo, o Marco navegou con dilixencia. O pesadelo da súa coincidencia con afundimento do Prestige quedou atrás e a nave da arte puxo rumbo ao prestixio que acadou non sen esforzo. «O respaldo da xente daba moito ánimo para seguir traballando nese complexo contexto político e económico», engade a viguesa, consciente da dificultade de crear hábitos de consumo cultural nas persoas. «Teño a certeza de que co Marco iso conseguiuse», afirma. De feito, do que asegura estar máis satisfeita é «do consenso social e institucional que conseguimos en torno ao Museo de Arte Contemporánea. A xente incrementou o seu orgullo de pertenza á súa cidade». Como indica, tampouco era doado sentar xuntos a apoiar o proxecto ao Concello, a Deputación, a Xunta e as antigas caixas, pero logrouno e engadiu apoios: «Mas tarde negociei coa ministra Carmen Calvo a incorporación ao padroado do Ministerio de Cultura».

Carlota Álvarez Basso asegura que non houbo impedimentos políticos para traballar. «O difícil foi o titánico esforzo de pór en marcha o museo entre catro persoas: recepcionar a obra, redactar os estatutos, crear o padroado, contratar (con probas de acceso) ao persoal e formalo, elaborar os primeiros orzamentos, deseñar a imaxe e montar as dúas exposicións inaugurais con pezas producidas ad hoc. ¡De tolos!».

Agora, desde o seu posto en Madrid, ve con preocupación a incerteza que vive o museo vigués, unha inquietude aumentada desde que o alcalde, Abel Caballero, anunciou o seu desexo de convertelo nun colector de coleccións de propiedade municipal e o padroado que controla non sacou a concurso a praza. «É unha pena enorme ver como se perdeu ese consenso institucional, que non o apoio social. Non entendo a falta de apoio nin que teña uns orzamentos que impiden que se desenvolva na súa xusta medida. Tampouco que a Deputación non teña volto ao padroado».

Carlota Álvarez Basso remata cunha reflexión: «Toda a cidadanía debe ter acceso á cultura máis actual, a que fomenta o espírito crítico, non a que crea cidadáns sumisos».