Vigo envórcase coa Volta Ciclista

s. antón

VIGO CIDADE

BENITO

Tres estaleiros repartíronse un pedido de 10 barcos dunha armadora danesa

23 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O 27 de abril amenceu desapracible, pero iso non impediu que miles de persoas se botasen á rúa para conemplar o paso da segunda etapa da Volta Ciclista con meta en Samil. Especialmente numerosa foi a presenza de afeccionados ao longo da avenida de Castelao. Eran os anos de gloria de Miguel Indurain, verdadeiro artífice de que os afeccionados ao ciclismo crecesen de forma exponencial. En Vigo foi Alfonso Gutiérrez o que se enfundó a camiseta amarela, aínda que o gañador daquela rolda foi o suízo Tony Rominger. 

Sector Naval

Un pedido de dez barcos. Superada a reconversión naval, eran tempos de vacas gordas no sector. Os encargos chegaban en paquete, como o da armadora danesa Nordane Shipping, que fixo un pedido de 10 barcos. Como un único estaleiro non tiña capacidade para afrontar o pedido con datas de entrega axustadas, repartíronllo Vulcano, Freire e Santodomingo. O importe da operación ascendeu a 20.000 millóns das pesetas de entón.

Urbanismo

Visto e prace definitivo ao Plan Xeral. O Consello da Xunta do 29 de abril aprobou definitivamente a readaptación do Plan Xeral á Lei do Solo de Galicia, que o Executivo de Manuel Fraga suspendera en setembro de 1991. «É un plan verdadeiramente exemplar», afirmou entón o presidente. Tanto que é o que segue en vigor tras anularse o do 2008.

medio ambiente

A incineradora daba problemas. A lei de Murphy funcionou, de forma que unha avaría na incineradora botou por terra o plan de urxencia deseñado polo goberno de Carlos Príncipe para facer fronte ao peche do vertedoiro do Zondal. O resultado foi que a cidade se alagou de lixo sen recoller. De «verdadeira mala sorte» cualificou a situación a entón concelleira do ramo, Dolores Villarino.

emigración

Contratacións fraudulentas. Vigo era unha das cidades nas que actuaba unha rede que explotaba a emigrantes galegos. Ofrecía empregos en Alemaña con billete de ida para traballar na construción. Viaxaron ao citado país polo menos dous grupos de traballadores, que regresaron á semana seguinte porque o traballo en cuestión non existía.

límites

Vigo recupera superficie. 363.000 metros cadrados. Son os que, segundo o concelleiro Antonio Nieto Figueroa, Leri, habían ir sendo desviados durante anos a Mos, Rendondela e Gondomar. A solución, instalar mouteiras inamovibles co escudo de Vigo.