Unha estación con cen anos de historia

VIGO CIDADE

LVG

Os vigueses comezaron a beber auga procedente da presa de Eiras

02 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Fai corenta anos, a estación de ferrocarril de Vigo tiña case o mesmo aspecto que cando foi levantada no último terzo do século XIX. A contorna tamén reflicte algúns dos cambios experimentados pola cidade, que aínda entón carecía dun plan xeral de ordenación urbana. Desde ese 1977 que reflicte a imaxe, o cambio na zona foi enorme. A mediados dos oitenta desmontouse o edificio (que fora declarado ben de interese cultural) para dar paso a outra estación que tamén sería destruída para levantar a actual.

Presa de Eiras

O espectacular crecemento poboacional de Vigo provocou escaseza de auga. A solución veu coa presa de Eiras. A súa inauguración, o 21 de marzo de 1977, foi presidida polo ministro de Obras Públicas, Leopoldo Calvo Sotelo. Custou 143 millóns de pesetas. Ao mes seguinte, a construtora abría as comportas a propósito, provocando un desabastecemento, para protestar por unha débeda non cobrada.

Deportes

Campioas. Por primeira vez na súa historia, o Celta de baloncesto feminino conquistaba a Liga . Contaba con grandes xogadoras como Paíno, Liboreiro e Susana García. Foi o primeiro título dos cinco que conquistou o equipo, cuxo palmarés complétase con catro copas da Reina . «O Celta , un gran campión», titulou La Voz o 5 de abril tras gañar o último partido en Riazor ao Tabacalera coruñés.

Pesca

«Can» e vara. En novembro estalou de forma violenta un conflito entre os mariscadores e pescadores que utilizaban o can e os da vara. A arte de arrastre acabou prohibíndose. Doutra banda, en xullo tiña que regresar toda a flota que faenaba en Gran Sol polo acoso das patrulleiras irlandesas. O seu Goberno aplicou a soberanía nas 200 millas.

Cronista

Álvarez Blázquez. O ano comezaba en Vigo coa designación do título honorífico de cronista oficial da cidade na persoa de Xosé María Álvarez Blázquez. Entón, o polígrafo nado en Tui xa formaba parte da Real Academia Galega.

POLÍTICA

PCG e UPG. O 31 de abril celebrouse en Vigo o primeiro mitin legal do Partido Comunista de Galicia. Acudiron 7.000 persoas. E a finais de agosto, a cidade acollía o primeiro congreso da Unión do Pobo Galego. A Garda Civil suspendeu a primeira reunión e as seguintes fixéronse sen anunciar o lugar. O salón presidíano retratos de Marx, Engels, Lenin, Castelao e Moncho Reboiras. Bautista Álvarez foi elixido presidente.